Lara Méndez critica o cinismo de Rueda, que se presenta como centrista moderado cando están “rendidos ao trumpismo” de Ayuso e avalan os pactos coa ultradereita de Vox
Sinala que en Galicia “temos un dous por un” entre Vox e o PP, porque os posicionamentos de dereita e extrema dereita “xa están incluídos” dentro dos de Rueda
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, acusou hoxe ao presidente da Xunta de ter acadado o “colmo da hipocrisía política” na entrega das Medallas Castelao esta fin de semana. A responsable socialista esixiulle que “non insulte á intelixencia da cidadanía poñendo medallas cunha man mentres coa outra utiliza a esquiladora” contra a lingua e a sanidade.
Méndez criticou que Rueda premiara á “labor en defensa da lingua” por parte do ex presidente da Real Academia Galega logo de formar parte dos gobernos do PP que levan “anos” atacando á lingua ata situala na peor situación histórica dende que hai rexistros. Lamentou que fagan esta homenaxe ao tempo que se opoñen ao uso do galego no Congreso e o bloquean no Senado e na Eurocámara, unha lingua que “nunca antes estivo tan ignorada, arrinconada e abandonada polo goberno”.
No mesmo acto homenaxeou a unha profesional da atención primaria mentres a Consellería de Sanidade do seu goberno “desmantela de forma planificada e sistemática os centros de saúde”, levando o sistema ao colapso “por vontade política”. Acusou a Rueda de homenaxear aos servizos públicos “que logo destrúe” deixándoos “sen persoal, sen recursos e sen futuro”.
Rueda e o trumpismo
Criticou o cinismo político de Rueda, que nunha entrevista publicada esta fin de semana na Voz de Galicia preséntase como centrista moderado cando a realidade é que “se renden ao trumpismo” dos bulos e os ataques contra o sistema democrático de Ayuso e pactan con Vox en calquera territorio. Puntualizou que en Galicia “xa temos un dous por un, porque os posicionamentos da dereita e a extrema dereita xa están incluídos dentro do PP”.
Méndez lamentou a “indecencia” do PP ao esixir presunción de inocencia para o conselleiro do Mar “sen o máis mínimo respecto” para a muller que o denunciou por presunta agresión sexual. Criticou que ato mesmo tempo sexan “incapaces de pedir perdón polas malas praxis” contra o PSdeG e o seu líder, Gómez Besteiro, cando se demostrou que toda a operación orquestrada contra el “quedou en nada” coa arquivo da última peza da Operación Pulpo.
Advertiu que o presidente da Xunta tense retratado esta fin de semana como “delegado de Feijóo na Xunta”, tal e como demostrou na entrevista publicada por un medio de comunicación. Criticou que “non fala de sanidade, de emprego, de mocidade ou de vivenda, senón do presidente do goberno central” repetindo o guión da dirección estatal do PP “sen achegar unha sola proposta para Galicia”.
Lamentou que teña amosado que “está máis pendente do ditado de Madrid que das necesidades dos galegos e das galegas”, aderezado cunha “actitude soberbia, carente da máis mínima autocrítica”. Criticou que o máximo responsable do goberno galego se teña aliñado coa “dereita sen vergoña nin complexos que usa as súas contas oficiais para espallar mentiras sen recoñecer os erros, sen aceptar responsabilidades nin dar explicacións”.
Incendios
En resposta a preguntas dos xornalistas, Méndez advertiu que a conselleira do Medio Rural ten demostrado na entrevista da Cadena Ser desta fin de semana que “deixou de escoitar ao sector” forestal ao abrir as portas a rematar coa moratoria da prohibición de plantar eucaliptos. Advertiu da falla de solucións da Xunta aos incendios forestais de nova xeración, xa que están “externalizando a loita contra incendios, cun modelo baseado na precariedade, a temporalidade e a improvisación”.
Méndez lembrou que mentres en 2016 Galicia contaba con 263 continxentes nas brigadas municipais, que pasaron a apenas 151 en 2023, e “non coñecemos os datos de 2024 e as previsións de 2025”. O mesmo sucede no caso dos axentes ambientais, que teñen a mesma plantilla hoxe que hai 40 anos, cando Galicia recibiu a transferencia das competencias e independentemente da situación de cambio climático.