Julio Abalde esixiu que se planifiquen as actuacións para arranxar tanto os edificios principais coma os polideportivos e que eses traballos se doten das contías económicas necesarias
O Grupo Socialista no Parlamento galego reclamoulle hoxe á Xunta, a través dunha proposición non de lei, fondos para acometer unha reforma integral dos tres centros educativos públicos de Betanzos e que estableza unha planificación axeitada para acometela. Nela deben incluírse tamén, tal como reclamou Julio Abalde, os polideportivos situados nos recintos educativos.
O deputado do PSdeG defendeu en comisión a urxencia de iniciar a rehabilitación de edificios que presentan notables deficiencias debido á súa idade e á falta de atención necesaria por parte da Xunta.
Respecto do CEIP Francisco Vales Villamarín, salientou que se trata dun dos centros educativos con maior matrícula de alumnos en toda Galicia. Pese a que en anos pasados se realizaron arranxos atendendo a solicitudes da comunidade educativa, falta aínda un segundo bloque de obras para completar unha reforma integral “que non dá chegado”. Entre as deficiencias que profesorado e alumnado “padecen decotío” cóntanse pingueiras, filtracións de auga, perdas térmicas e problemas de iluminación, entre outras eivas que sinalou a parlamentaria socialista.
Abalde apuntou citou tamén a existencia de problemas na cuberta do polideportivo, “que son paliados polo Concello pero que precisan dun investimento que enfronte unha reforma integral”, e non un simple mantemento. A situación está a impedir a normal actividade deportiva nesas instalacións, o que implica a cancelación de adestramentos e de competicións que levan a cabo equipos federados da localidade.
A problemática do CEIP non remata aí. Os nenos e nenas que acoden ao comedor escolar padecen unha falta crónica de espazo para un servizo que ten que xestionar o Concello e para o que se debe usar o salón de actos, de modo que este queda inutilizado para o seu uso orixinal.
Segundo explicou Julio Abalde, a situación do Vales Villamarín é similar á do IES Francisco Aguiar. Tamén hai pingueiras, neste caso “incluso sobre instalacións eléctricas e mesmo en aulas de informática”, humidades que provocan un ambiente totalmente insalubre e caída de cachotes en zonas comúns. O problema das humidades é común tamén ao IES As Mariñas, onde as cubertas de fibrocemento con amianto están deterioradas, ao igual que o illamento térmico.
Para o deputado do PSdeG, todas estas eivas mostran a marxinación que sofre a comunidade educativa de Betanzos respecto doutras zonas de Galicia, e demandoulle á Xunta que deixe de diferenciar entre cidadáns “de primeira e de segunda” en función de onde vivan.