Julio Abalde reclamoulle ao Goberno do PP que cumpra de xeito inmediato os acordos que asinou coas organizacións sindicais en canto a desdobramentos, persoal de apoio e especialistas: “É inadmisible que os equipos directivos non saiban ata o inicio do curso o número de unidades das que disporán”
O deputado do PSdeG denunciou a incerteza que provoca entre numerosas familias non coñecer ata ben entrado xullo en que centro vai ser escolarizado o alumnado
O Grupo Socialista reclamoulle hoxe á Xunta que dea cumprimento de maneira inmediata ás ratios máximas de alumnado por aula recollidas nos acordos asinados en 2023 pola Consellería de Educación e as organizacións sindicais CC.OO., UGT e ANPE, como tamén que dedique os recursos humanos e materiais para posibilitar os desdobres de aulas necesarios para o cumprimento desas ratios. O portavoz de Educación, Julio Abalde, defendeu en comisión unha proposición non de lei nese senso, e a través da que tamén se lle reclama ao Goberno do PP que dote do persoal de apoio e especialista necesario “para que todos os centros poidan atender ao alumnado con necesidades especiais”, e así facilitar “a verdadeira integración” deses escolares.
Abalde explicou que a “continua redución das unidades e dos recursos humanos” está provocando que os centros non teñan acomodada a oferta de prazas á demanda real, de xeito que numerosas familias non saben ata ben entrado xullo en que escolas van estudar os nenos e nenas. O problema afecta especialmente aos centros situados no rural, mais tamén se rexistra nas cidades.
A incerteza está a causar un problema engadido, segundo advertiu o parlamentario socialista. Ao non ter garantida a escolarización nun centro do seu municipio, hai familias que optan por trasladar aos pequenos a escolas de cidades próximas, o que implica baleirar os centros do rural. En outros casos, como o alumnado se escolariza finalmente nos colexios que inicialmente solicitou, estanse a sobrepasar as ratios previstas, algo que, tal como lembrou Julio Abalde, veñen denunciando as ANPA e os equipos directivos.
Estas políticas do PP prexudican notablemente non só ao alumnado, senón que tamén ao profesorado, “cunha carga de traballo e saturación por enriba do normal e do soportable”. Abalde alertou de que “non se pode traballar igual nunha aula en función do agrupamento de alumnos de distintos cursos ou do número de nenos e nenas asignados, sobre todo cando no momento da programación do curso existe incerteza en canto á propia organización e á dotación de recursos”.
Tamén criticou que, pese a que a Xunta alega que unha vez iniciado o curso se avalían os datos e se organizan as unidades en función das matrículas de cada centro, para decidir sobre agrupamentos e desdobramentos, “a realidade é ben distinta, e a Consellería incumpre sistematicamente a súa obriga de dar resposta áxil ás familias e ao profesorado”. Para Abalde, “é inadmisible que os equipos directivos non saiban ata o inicio do curso o número de unidades das que disporán, e que o profesorado descoñeza o número de alumnos que terá nas súas aulas”.