Critica que o goberno galego dedica máis do dobre do investimento á extinción que á prevención
Censura que a política forestal da Xunta se limite a “parcheo, improvisación e propaganda” e esixe un novo modelo cun corpo de prevención único e profesionalizado e a “prevención real e continua” dos incendios
A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, advertiu hoxe que o abandono da xestión forestal do goberno galego, unido aos recortes na prevención de incendios, están a converter o monte nunha “auténtica bomba de biomasa” preparada para arder. Dacosta presentou unha Interpelación á Conselleira do Medio Rural no Pleno do Parlamento á que lle afeou a “falla de transparencia” na xestión contra incendios.
A responsable socialista presentou esta Interpelación logo de constatar que a conselleira renunciou por primeira vez a comparecer diante do Pleno para presentar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais -Pladiga-. Criticou a “falla de transparencia e rendición de contas”, que demostra a “ausencia dunha política forestal transparente, ambiciosa, coordinada e baseada no coñecemento técnico e o respecto institucional”.
Alertou que “cada verán repetimos titulares dramáticos e cada inverno a Xunta repite os mesmos erros”, porque “mantén unha política de parcheo, improvisación e propaganda, moi lonxe do que necesita o país”. Advertiu que o goberno galego continúa a amosar unha “política forestal errada, falta de visión, e que renuncia a planificar, ordenar e coidar o territorio” cando Galicia precisa “unha transformación estrutural na prevención, a planificación e a ocupación do territorio”.
Así, lembrou que o goberno galego segue sen atender ao ditame de política forestal aprobado logo dos incendios de 2017, que instaba a aprobar uns plans de Ordenación dos Recursos Forestais -PORF- que a día de hoxe seguen inéditos. Tampouco crearon unha paisaxe en mosaico con usos diversificados, realizan as rozas fora de prazo e seguen sen despregar accións sociolóxicas e de educación ambiental, mantendo as aulas forestais pechadas.
Afeoulle ao goberno galego que teña abandonados aos concellos, ata o punto de que “pasamos de 263 brigadas municipais en 2016 a só 151 en 2023”, con recursos humanos e materiais que “desaparecen ano tras ano”, e os que quedan teñen un proceso de formación “insuficiente”, con apenas 16 horas que supón “unha temeridade” cos incendios de nova xeración. Tamén falta a actualización dos plans de prevención por distritos, e os recursos asignados resultan inadecuados.
Dacosta reclamou unha “política forestal seria, moderna e comprometida co territorio” mentres o “silencio e inacción” do goberno galego “está a demostrar xusto o contrario”, dedicando o 71 por cento do orzamento á extinción e apenas o 29 á prevención.
A responsable socialista dixo que Galicia “merece outro modelo forestal” que aposte por un corpo “único, público e profesionalizado” de prevención e extinción de incendios dependente da Xunta. Reclamou un novo marco de colaboración eficaz cos concellos e unha política forestal baseada na “prevención real e continua”, a xestión activa do territorio e a recuperación dos usos produtivos sostibles.
A parlamentaria socialista advertiu que “non podemos resignarnos a vivir cada verán pendentes do lume, desaloxando aldeas, poñendo en risco vidas humanas e vendo desaparecer espazos naturais únicos”. Esixiulle á Xunta que “escoite, rectifique e actúe” porque “as comunidades de montes, os alcaldes, os técnicos e os traballadores do sector coinciden en que o modelo actual non funciona mentres o PP dende o goberno galego “mira para outro lado”.