A parlamentaria do PSdeG Silvia Longueira lembrou que durante a xestión de Pombo se produciron 368 venres negros en protesta pola manipulación informativa, a maior caída de audiencia da historia da TVG, 30 sentenzas por despidos nulos e preto de 40 casos de conflito laboral por acoso e vulneración de dereitos
A deputada Silvia Longueira critica a “performance” do PP para colocar á fronte da corporación a persoa que leva anos executando a política de manipulación, recortes e acoso laboral nos medios públicos galegos.
O PSdeG rexeitou hoxe no Parlamento de Galicia o nomeamento de Concepción Pombo como directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (antes CRTVG), ao considerar que responde exclusivamente aos intereses propagandísticos do Partido Popular e supón un novo golpe á independencia dos medios públicos galegos.
“Non hai suspense nin sorpresa: a señora Pombo será a responsable das próximas campañas de propaganda do PP”, advertiu a deputada socialista Silvia Longueira, quen subliñou que esta designación foi decidida no despacho do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “co único obxectivo de seguir alimentando a máquina de publicidade do seu partido”.
Longueira destacou que Pombo acumula unha longa traxectoria na dirección da CRTVG, con “un palmarés insuperable en manipulación informativa, recorte de dereitos laborais e desprezo pola lingua galega”. A parlamentaria lembrou que durante a súa xestión se produciron 368 venres negros, a maior caída de audiencia da historia da TVG, 30 sentenzas por despidos nulos e preto de 40 casos de conflito laboral por acoso e vulneración de dereitos.
“É de xustiza que a escollan: ninguén mellor que ela coñece o sistema e os seus xefes, porque leva anos exercendo de xerente da propaganda”, ironizou Longueira. Para a deputada, o que fixo hoxe o PP é recoñecer oficialmente que quen manda na televisión pública “non é a cidadanía, senón eles”.
A deputada denunciou tamén que esta elección vulnera o espírito do regulamento europeo sobre liberdade dos medios de comunicación, que esixe garantir a independencia e blindar os nomeamentos fronte a inxerencias políticas. “En vez de camiñar cara a unha CRTVG plural e independente, o PP aproba unha nova lei a contrarreloxo que blinda o control político da información en Galicia”, afirmou.
“Mentres a sociedade galega sofre a crise sanitaria, a emigración xuvenil ou os abusos a menores tutelados, na CRTVG só vemos abrazos entre o presidente Rueda e conselleiros imputados”, denunciou Longueira. “Vivimos nun ‘show de Truman’ que lle roubou a dúas xeracións a posibilidade de coñecer o seu país contado por si mesmos”.
“Concepción Pombo gañou a praza. E gañouna por méritos propios, pero tamén porque Feijóo e Rueda tiñan demasiados cargos como para postularse eles directamente”, rematou a deputada. “Aos traballadores da CRTVG, ao sector audiovisual e á cidadanía só podemos dicirlles que fixemos o que puidemos co que tiñamos: “Se é certo que o soño da razón produce monstros, non é menos certo que a manipulación produce realidades falsas, discursos únicos e democracias de cartón pedra”.