Julio Abalde reclama diálogo coa comunidade educativa e lembran que a liberdade de cátedra está protexida pola Constitución
O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Julio Abalde, solicitoulle hoxe á Xunta de Galicia que explique con claridade o alcance da súa proposta de establecer unha suposta “neutralidade ideolóxica” no ensino público, e advertiu de que calquera intento de restrinxir a liberdade pedagóxica do profesorado sería “un erro grave que xeraría inseguridade nos centros e desconfianza entre a comunidade educativa”.
O responsable socialista insiste en que a educación pública debe seguir baseándose en principios democráticos recollidos na lexislación vixente, como o desenvolvemento do pensamento crítico, a igualdade, o respecto á diversidade e a formación dunha cidadanía comprometida. “O que cómpre garantir é que o alumnado poida acceder a unha formación plural e completa que lle permita entender o mundo no que vive”, sinalou.
Abalde lembra que a liberdade de cátedra é un dereito recoñecido pola Constitución, e advirte que calquera instrución orientada a limitar o debate educativo ou a condicionar contidos en función de criterios políticos sería contraria ao marco legal. “A escola non pode funcionar con ambigüidades nin coa sombra da censura sobre temas que forman parte do currículo ou das preocupacións sociais actuais”, indicou.
O parlamentario socialista tamén chamou a atención sobre a contradición que suporía invocar a “neutralidade ideolóxica” mentres se mantén no sistema educativo a materia de relixión confesional. “Se se abre este debate, haberá que facelo con coherencia, revisando todas as influencias ideolóxicas presentes no ensino, e non só aquelas que incomodan a determinados gobernos”, advertiu.
Finalmente, o portavoz de Educación reclamoulle á Consellería de Educación que aclare cales son os criterios que pretende aplicar e que abra un diálogo real cos equipos docentes, as familias e o alumnado. “As políticas educativas deben facerse desde o consenso, non desde a imposición”, concluíu.