Carmen R. Dacosta reclama un Plan de choque de reforzo da sanidade pública e reducir as listas de espera na Área Sanitaria
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta cualificou hoxe de “inaceptable” o convenio do Sergas para derivar as cirurxías de alta complexidade de Ourense ata Vithas Vigo, unha clínica dirixida por un antigo alto cargo na área sanitaria nos tempos de Eloína Núñez e que “pasou bastante facilmente á privada”. Así o dixo no debate dunha proposta en Comisión para que a Xunta presente un Plan de choque para reducir as listas de espera na provincia que foi rexeitada polo PP.
A responsable socialista afeoulle ao goberno galego que mentres reduce drasticamente o investimento e os recursos na provincia, asinan un contrato de 1,2 millóns de euros para derivar as operacións a un centro privado de Vigo. Dixo que esta decisión supón “un retroceso en materia de atención sanitaria pública e de calidade” para os veciños e veciñas de Ourense, que van ter que asumir o custe persoal e económico do desprazamento ata Vigo.
Esta externalización, dixo, “reflicte a falta de capacidade do sistema público de Ourense para ofrecer unha atención digna e de calidade e a súa dependencia de centros privados para cubrir as necesidades básicas da poboación”. Reclamoulle ao PP que “deixen de xogar coa saúde e co sufrimento dos galegos e das galegas” que dependen da sanidade pública e que merecen, tamén en Ourense, a mesma calidade na atención que no resto do territorio.
Listas de espera
Dacosta criticou a “demagoxia” amosada polo PP, que “presume de que xa teñen en marcha un Plan para reducir as listas de espera en Ourense, pero estas non paran de medrar, se é verdade que teñen un Plan, teñen que cambialo porque non funciona”, remachou. Explicou que neste momento hai na provincia 5.931 persoas na lista de espera de cirurxía, 27.671 en consulta e 8.173 en probas diagnósticas, que son os datos oficiais “maquillados e que non reflicten a realidade”.
Lembrou que os datos oficiais non inclúen aos milleiros de pacientes que xa teñen unha citación pero aínda non foron chamados, e que están desesperados por ter que agardar primeiro pola cita de Atención Primaria, despois pola proba diagnóstica e finalmente pola súa operación, o que provoca “doenzas crónicas ou males maiores”.
Sinalou que este Plan “non é un capricho, é unha necesidade urxente e real para milleiros de ourensáns e ourensás” que se atopan cunha Área Sanitaria “saturada e cunha situación insostible dende o punto de vista do persoal mentres o PP di que non hai problema e míntelle a Ourense cando di que as cifras son boas”.