O líder socialista denuncia que o presidente da Xunta non leva nin unha soa proposta en educación, enerxía, financiamento ou infraestruturas: “Rueda nin lidera nin propón”
O secretario xeral do PSdeG lamentou tamén que Rueda chegue á Conferencia “sen axenda de país, sen propostas, e sen vontade real de resolver os problemas da cidadanía”.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou hoxe a Alfonso Rueda de “dar as costas aos problemas reais da cidadanía” na Conferencia de Presidentes que se celebrará este venres, logo de coñecer os asuntos que cada comunidade autónoma solicitou tratar.
Segundo transcendeu, Galicia solicitou exclusivamente incluír na orde do día no apartado de Vivenda o tema da okupación. “É inaceptable que, en plena crise da vivenda, o único que se lle ocorra a Rueda sexa falar de okupas”, advertiu Besteiro. En 2023 houbo en Galicia 66 casos de ocupación ilegal de vivendas, o que representa o 0,01 % do total. “Mentres milleiros de familias galegas están afogadas polos prezos da vivenda, o presidente da Xunta prefire falar dun fenómeno estatisticamente irrelevante”, denunciou.
O líder dos socialistas galegos lembrou que o Goberno central propuxo inicialmente debater sobre o acceso á vivenda e a formación, e que moitas comunidades achegaron propostas concretas neses ámbitos. “Galicia non foi unha delas. Non dixo nada de vivenda pública, nin de alugueiros accesibles, nin de axudas á mocidade. Só okupación. Iso ten un nome: desleixo político”, afirmou.
Besteiro advertiu que esta non é unha excepción, senón unha constante. “En educación, enerxía, financiamento ou infraestruturas, Galicia nin lidera nin propón. E sobre inmigración, pese ao discurso que mantén en Galicia, cando ten ocasión de levalo a unha mesa de traballo con outros presidentes, nin o menciona”, engadiu. En enerxía, a súa proposta, lonxe de abordar o potencial económico das renovables en Galicia, centrouse no discurso da “seguridade” imposto desde Madrid. En educación infantil, o mesmo presidente que rexeitou 22 millóns de fondos europeos para crear prazas públicas e quixo destinalos a gardarías privadas, pide agora falar de financiamento. Financiamento no que rexeita a condonación de 4.010 millóns da débeda que lle propoñemos os socialistas.
O secretario xeral do PSdeG lamentou que Rueda “chegue a esta Conferencia sen axenda de país, sen propostas, e sen vontade real de resolver os problemas da cidadanía”. E concluíu asegurando que “non estamos ante un presidente cun proxecto para Galicia, senón ante alguén que actúa con máis lealdade ao seu partido que ao país. Un presidente que se agocha cando hai que dar a batalla polos intereses do país.”