Silvia Longueira sinala que os últimos 16 anos supuxeron manipulación política, conflitividade laboral, perda da calidade e caída drástica das audiencias
Carmen R. Dacosta advirte que a negativa da CRTVG a conceder xubilacións anticipadas aos traballadores e traballadoras está a “prolongar un conflito que se podería resolver de xeito máis razoable e xusto”
A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control a CRTVG, Silvia Longueira, despediuse hoxe do director xeral da CRTVG saínte lamentando que o seu papel nos últimos 16 anos se reducira a impoñer un “sesgo insalvable” a favor do PP. Así o dixo na comparecencia de Sánchez Izquierdo na Comisión para presentar as contas do ano 2024.
Longueira salientou a deriva da dirección do ente para impoñer unha manipulación política “absolutamente difícil de volver cara atrás” sempre en favor do partido do goberno, ata o punto de que deixen sen atender “eventos importantes de partidos políticos ou sindicatos salvo que acuda o presidente da Xunta, entón si”. Lamentou que ese sexa o balance da súa etapa, que provoca que “o que vemos a cotío na TVG non nos representa”.
Esta etapa de manipulación política crecente, acompañada da persecución laboral de determinados profesionais do ente, derivou simultaneamente en 30 sentenzas xudiciais sobre os directivos da casa e unha caída drástica das audiencias. Explicou que así o revelan os informes de Kantar Media, a partir de que en 2023 incrementaron os audímetros instalados, co que “cando medimos con pouca xente as audiencias mantéñense, pero con maior detalle os datos de audiencia baixan en picado”.
A responsable socialista advertiu que “non todo vale” e lembroulle que nesta etapa teñen faltado á súa obriga de respectar a pluralidade e a obxectividade nas informacións, renunciaron á obriga fundacional de defender e promocionar a lingua galega e provocaron unha drástica caída na calidade da produción”. Preguntou neste sentido “onde están os programas de investigación sobre a realidade social galega ou sobre o que lle pode preocupar á mocidade, por exemplo”.
Xubilacións anticipadas
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta presentou tamén hoxe unha pregunta oral na que advertiu que a negativa da dirección da CRTVG a cumprir a norma e conceder as xubilacións anticipadas ao persoal do ente está a “prolongar un conflito que podería resolverse de xeito máis razoable e xusto”. Criticou esta “mostra de intransixencia, que revela unha falta de vontade cara ás necesidades do seu propio persoal” e resulta “inadmisible” no caso dunha empresa pública.
Lembrou que o propio TSXG ten sentenciado, o pasado mes de xullo, que o ente “ten a obriga de acceder á xubilación parcial anticipada e de formalizar o correspondente contrato de relevo sempre que un traballador ou traballadora cumpra cos requisitos”. Por iso sinala que a comunicación da dirección enviada o pasado 1 de abril, anunciando que deixará de acceder ás solicitudes, resulta “inaceptable para os sindicatos e para o persoal afectado”.
Explicou que segundo as estimacións do propio ente, ao longo do primeiro trimestre de 2024 sumaron 120 persoas afectadas por estas solicitudes, que poderían aumentar en preto de 50 máis en 2025, polo que a súa negativa “está xerando un clima de incerteza e de conflito laboral innecesario”.
Carmen Dacosta sinalou que unha empresa pública, como é este caso, “debera ser exemplo de boa xestión”, pero no caso da CRTVG están “empeñados en manter un modelo obsoleto que non favorece á continuidade nin á renovación xeracional”.