O secretario xeral analizou en Madrid co líder do PSE, Eneko Andueza, e o conselleiro vasco de Vivenda, Denis Itxaso, o plan integral de vivenda que están impulsando desde o Goberno autonómico, con reformas legais, financiamento a través dun fondo social, beneficios fiscais a inquilinos e propietarios e apoio á emancipación, e explicoulles a proposta do PSdeG dun banco público de alugueiro para conter os prezos en Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe que o rexistro oficial de demandantes de vivenda pasou de case 18.000 inscritos o pasado outubro a practicamente 22.000 a día de hoxe. “En Galicia, cada día hai 18 familias máis que necesitan unha vivenda”, alertou á vista do incremento que indican os datos do IGVS en só sete meses. Mentres, Rueda obstaculiza medidas como a declaración de zonas tensionadas porque o PP “non está polo labor de conter os prezos”.
“As políticas dos 16 anos de gobernos do PP están empeorando o problema”, advertiu tras reunirse en Madrid co secretario xeral do PSE-EE, Eneko Andueza, e o conselleiro vasco de Vivenda, o socialista Denis Itxaso, cos que analizou as medidas que recolle o ambicioso Plan Director de Vivenda 2025-2027, que están a impulsar desde o Goberno autonómico. Besteiro asistiu antes do encontro á intervención de Andueza no Forum Europa.
“Falamos de como se deben desenvolver as políticas de vivenda, con ambición e aproveitando todas as posibilidades e recursos”, explicou o secretario xeral do PSdeG fronte a un Rueda que “anuncia a construción de milleiros de pisos, pero non fai nada” máis alá de lanzar “fogos de artificio”. O resultado desa inacción é “unha verdadeira emerxencia habitacional”, dixo. E mostra diso son datos como que o 85 % dos mozos e mozas galegos “non se poden independizar antes dos 30 anos”, un problema que se estende incluso ata os 35, cando “o 40 % seguen sen poder conseguilo”.
Besteiro, Andueza e Itxaso estudaron diferentes medidas para combater a crise da vivenda, entre outras, as reformas legais, o apoio á emancipación, o financiamento de vivendas a través dun fondo social, o establecemento de beneficios fiscais tanto para inquilinos como para propietarios ou a declaración de zonas tensionadas que contempla o plan vasco, como tamén a proposta dun banco público de alugueiro, que defende o PSdeG.
Respecto da declaración de zonas tensionadas, compartiron a experiencia do País Vasco, onde cada vez máis municipios se van acollendo a esa figura co fin de conter os prezos do alugueiro. Para iso, están contando coa colaboración activa do Executivo autonómico, ao contrario do que ocorre en Galicia. Falaron tamén dos resultados que pode acadar ese mecanismo en cidades como A Coruña, onde foi un goberno socialista o primeiro da comunidade en solicitarlle á Xunta a aplicación da medida, ou en Santiago, onde tamén se impulsou no anterior mandato dende outro goberno do PSdeG. Ambas están agora á espera de que o Goberno do PP dea a súa aprobación, aínda que está a poñer “atrancos”.