Paloma Castro criticou que Galicia sexa a única comunidade na que as quendas duran sete días seguidos as 24 horas, “cando a directiva europea de 1998 ve inviables as gardas de máis de 24 horas sen descanso”, e reclamou un cambio no sistema
A deputada defendeu tamén un incremento do número de profesionais, unha mellora das retribucións, o establecemento de días de descanso obrigatorios e a adaptación do traballo ás singularidades de cada partido xudicial
O Grupo Socialista no Parlamento galego vén de reclamarlle á Xunta unha mellora das condicións laborais dos forenses para garantir a prestación dun servizo de calidade. Paloma Castro defendeu en comisión, a través dunha proposición non de lei, a necesidade de reducir as gardas destes profesionais a quendas de 48 ou 72 horas de xeito rotatorio entre o persoal dispoñible, o incremento do número de forenses adscritos ao sistema, melloras na súa retribución e flexibilidade organizativa en función da carga real de traballo de cada partido xudicial.
A parlamentaria do PSdeG sinalou que os médicos do Imelga, organismo dependente da Xunta e responsable das actividades forenses e outras periciais na comunidade autónoma, “desempeñan un papel esencial no funcionamento da Xustiza”. Porén, vense na obriga de desenvolver o seu traballo en pésimas condicións. E aínda que hai anos que reclaman melloras, estas “nunca chegan”, afirmou.
Moitas das principais reivindicacións do colectivo están relacionadas co sistema de gardas. O principal problema é que na maioría dos partidos xudiciais galegos os forenses “están sometidos a un réxime de sete días consecutivos, 24 horas ao día”. Iso xera, segundo advertiu Castro, acumulación de fatiga e o conseguinte “risco de erros profesionais”, ademais de dificultades para a conciliación familiar. A iso únense unha remuneración “pouco acorde co nivel de esixencia” e unha desigualdade entre zonas con diferentes cargas de traballo, “sen compensación proporcional” naquelas nas que se require maior esforzo.
No referido ao salario, explicou que, durante as gardas, “cada hora que traballa un médico forense ten un valor de 1,42 euros, mentres que, por exemplo, un de atención primaria está en 20 euros”. “A diferenza é notoria”, remarcou.
Paloma Castro recriminoulle ao Goberno do PP que “leva anos sen dar resposta ás xustas reivindicacións” do colectivo, e que “xa o presidente Rueda, cando era conselleiro, prometeu unha solución, afirmando que se estaba a xestionar coa Consellería de Facenda, pero non foi así”. Tamén o actual conselleiro de Xustiza dixo “que se estaba a buscar unha solución que pasaba pola modificación do decreto que regula o Imelga, pero non volveu haber noticias”.
A proposta do Grupo Socialista pasa pola redución do tempo das gardas, establecendo períodos rotatorios entre o persoal dispoñible, en lugar do sistema de gardas semanais. Tamén polo incremento do número de forenses adscritos ao sistema de gardas, co fin de “reducir a duración sen afectar ao servizo”, e pola mellora das retribucións económicas e o establecemento de días de descanso obrigatorios despois de cada quenda. Por último, a iniciativa socialista defende que haxa “flexibilidade organizativa” para estruturar as gardas en función da carga real de traballo de cada partido xudicial.
A deputada socialista recordou que unha directiva europea de 1998 “considera inviables as quendas de garda superiores a 24 horas sen descansar, porque afectan á saúde laboral do traballador”. Nese senso, chamou a atención sobre o feito de que Galicia é a única comunidade autónoma onde está implantado o sistema de quendas semanais. Ademais, cifrou en 300.000 euros o investimento necesario para aumentar as retribucións dos profesionais, “unha cifra irrisoria no orzamento da Consellería de Facenda” tendo en conta o labor que desenvolven.
Para Castro, o Goberno do PP “leva anos mantendo unha actitude discriminatoria co Imelga”, sen valorar o seu labor e sen incrementar o seu persoal cando se producían tapóns na emisión de informes “debido á sobrecarga de traballo” que chegaban a provocar suspensións xudiciais de ata dous anos. Por enriba, as partidas presupostarias destinadas ás obras de adecuación da sede do Imelga en Santiago “están sen executar”, e o espazo que se cede aos forenses nas sedes xudiciais, en moitas ocasións, “deixa bastante que desexar”.