O secretario xeral dos socialistas galegos, foi claro na súa mensaxe: “Temos que levantar a cabeza, dicir con orgullo que somos socialistas, que temos un modelo que funciona e que queremos gobernar para transformar”, proclamou o líder do PSdeG
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou este sábado á unidade e ao compromiso político para reforzar o proxecto socialista nos concellos da provincia da Coruña e presentarse ás eleccións municipais de 2027 cunha “proposta ambiciosa, pegada á realidade da xente e cun modelo que demostrou que funciona”.
Durante o seu discurso no Congreso Provincial, Besteiro subliñou que o Partido Socialista “é a única alternativa real ao modelo da dereita e do nacionalismo excluínte”, e reivindicou os valores da solidariedade, a cooperación e a responsabilidade como sinais de identidade dun partido que leva “146 anos transformando a sociedade desde a acción de goberno e desde a oposición”.
“Non somos só municipalistas, somos un partido con proxecto de país, con visión europea e con vocación de maioría”, afirmou Besteiro, lembrando que “os grandes avances sociais dos últimos anos en España e en Galicia levan selo socialista: o salario mínimo, os contratos estables, a educación e a sanidade pública, a aposta pola igualdade e a redistribución da riqueza”.
O líder dos socialistas galegos instou á militancia a prepararse desde xa para as municipais “con candidaturas fortes, competitivas e ilusionantes” en cada un dos grandes núcleos da provincia:
Deste xeito, fixo referencia a A Coruña, “onde Inés Rey devolveu á cidade a centralidade que perdera nos últimos anos de parálise e está a impulsar proxectos que fan da cidade un referente do noroeste peninsular”.
A Ferrol, “con magníficos proxectos xa preparados” e coa forza necesaria para volver erguerse como un concello dinámico e cheo de oportunidades.
E a Santiago de Compostela, cuxo ámbito metropolitano, dixo, “non debeu deixar de ser un referente tamén como capital histórica e política de Galicia” e para o que o PSdeG artellará “proxectos importantes que reforcen o seu liderado cultural e económico”.
Besteiro cargou con dureza contra o PP e Alfonso Rueda, ao que acusou de actuar sempre “desde a confrontación e a sumisión a Madrid”, e puxo como exemplo a xestión do apagón eléctrico: “Mentres o delegado do Goberno asumía responsabilidades en solitario, a Xunta desapareceu. E cando Feijóo chegou con discurso de ataque, Rueda calou e agachou a cabeza”.
En relación ao BNG, advertiu que “o soberanismo desfasado e a falta de compromiso co proxecto europeo non ofrecen respostas reais aos problemas da xente”. Fronte a iso, reivindicou a vocación internacionalista do PSOE e do PSdeG: “A solidariedade non entende de fronteiras. A axuda mutua e a cooperación son os principios que fundaron Europa e que tamén definen o noso modelo”.
Besteiro concluíu a súa intervención cunha mensaxe de optimismo e orgullo pola militancia: “A política non é outra cousa que crer nun modelo, defendelo e aplicalo. Nós temos un modelo que funciona, que produce benestar e que a dereita non soporta porque demostra que é posible gobernar para a maioría. Esa é a nosa forza. E esa é a nosa tarefa: volver gañar desde a proximidade, desde a responsabilidade e desde a ilusión”