Carlos López Font invita ao conselleiro a “corrixir o tiro” e a actuar ante os comisarios europeos de Comercio e de Pesca en vez de apuntar ao Goberno
O deputado do PSdeG advertiu que se os sectores conserveiro e pesqueiro galegos saen danados da negociación, “será culpa do PP por traizoar os intereses de Galicia”
O deputado socialista Carlos López Font defendeu hoxe no Parlamento galego que o atún quede fóra do acordo de libre comercio que a Unión Europea está a negociar con Tailandia. Na súa réplica ao conselleiro de Pesca, que compareceu na Cámara autonómica, Font reclamou a protección da industria conserveira europea “fronte a calquera liberalización arancelaria”, xa que o sector cumpre “os máis altos estándares de sustentabilidade”, mentres que a tailandesa “presenta deficiencias estruturais preocupantes”.
O parlamentario do PSdeG reafirmou o compromiso do Partido Socialista co sector e lembrou que os socialistas non só mantiveron diversas reunións con Anfaco para tratar a cuestión, senón que lle facilitaron á organización que agrupa aos fabricantes de conservas de peixe e marisco encontros con membros da Comisión de Comercio Internacional do Europarlamento, responsable para os acordos de libre comercio. Recordou tamén que o Goberno de España xa alertou á Comisión Europea de “que as conservas e preparados de atún son produtos especialmente sensibles nas negociacións do acordo de libre comercio”, posto que calquera concesión a Tailandia no que se refire aos aranceis “podería afectar gravemente á perda de competitividade e capacidade produtiva da industria”. E por ese motivo solicitou que o sector se mantivera “fóra de calquera liberalización ou redución arancelaria”.
Carlos López Font sinalou que esta problemática xa se tratou no Senado en diferentes ocasións, e “sempre os representantes do PP invocan ao Goberno de España para a defensa do sector”. Porén, invitou ao conselleiro a “corrixir o tiro”, xa que se os debates no Parlamento galego “son benvidos”, asegurou, urxe máis “a acción ante o comisario europeo de Comercio, responsable das negociacións, e presión ante o comisario de Pesca, responsable de garantir a competitividade dos sectores pesqueiro e conserveiro”. Este último “é do PP europeo”, apuntou o deputado do PSdeG para advertir que se a pesca e a conserva saen danadas do acordo de libre comercio, “será culpa do Partido Popular por traizoar os intereses de Galicia, España e Europa nesta negociación”.
Font alertou do impacto que podería ter sobre a pesca e a industria conserveira a inclusión do atún no acordo comercial co país asiático. Segundo cifrou o ano pasado un estudo da European Tuna Group, elevaríase a 805 millóns de euros de xeito directo. A iso sumaríanse 1.259 millóns máis de xeito indirecto, 122 millóns de perdas por ingresos arancelarios e outros 476 millóns debido á perda de 4.600 empregos en todo o continente. A maiores, descendería a calidade dos produtos que se venden ao público, debido ás menores esixencias ambientais e controis.
Na actualidade, Tailandia é o principal fabricante de preparacións e conservas de atún, co 24 % da produción mundial. É tamén o maior exportador, cun cuarto do comercio mundial no referido a este sector. Á UE exporta 12.000 toneladas ao ano, cun arancel do 24 %. Segundo as análises de Anfaco, a derogación deses aranceis provocaría un incremento inmediato dun 20 % nesas exportacións a Europa.
Para soster esa produción, a industria tailandesa importa, á súa vez, atún procedente de países “con prácticas de pesca opacas en canto a sustentabilidade e controis sanitarios”, denunciou Font, que subliñou tamén que Tailandia “non aplicou os principais acordos internacionais sobre dereitos humanos e traballo no mar”. De feito, a última auditoría da Comisión Europea, realizada hai dous anos, puxo de manifesto “fallos persistentes en materia de saúde e seguridade alimentaria”.