Julio Torrado sinala que “presentamos unha alternativa de país e o PP ás veces empeza a entender que, cando rectifica e nos dá a razón, empeza a acertar”
Acusa ao PP de “instrumentalizar Galicia” como “ferramenta” para “as políticas de confrontación de Rueda”
O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, salientou hoxe que “o Partido Popular comezou a falar e a abrirse á posibilidade de aprobar a condonación da débeda dos 4.010 millóns de euros que presenta o plan do Goberno do Estado”, o que cualificou como “os primeiros síntomas de rectificación” por parte da Xunta.
“Aínda votaron que non á nosa proposta”, recoñeceu Torrado, “pero o máis importante é que o PP rectificou o seu discurso e recoñeceu por primeira vez que a quita é unha medida posible, real e beneficiosa para Galicia”. “O Partido Popular está empezando a demostrar que acabará cambiando a súa postura, como dixemos desde o principio”, advertiu, ao tempo que asegurou que “aínda que seguen votando que non, acabarán solicitando a aceptación desta condonación para financiar servizos públicos”.
Torrado fixo estas declaracións ao valorar o Debate do Estado da Autonomía, onde destacou que “o Partido Socialista presentou unha alternativa de país” fronte a un Partido Popular “que utiliza o Parlamento de Galicia como un macroescenario de roldas de prensa para intentar instrumentalizar Galicia como ferramenta para as políticas de Rueda e Feijóo”.
O voceiro socialista puxo en valor que fronte a esa actitude do PP, os socialistas “traballamos en traer propostas proactivas para Galicia, nos temas que importan á cidadanía: vivenda, sanidade e economía”.
Ademais, puxo en valor que o PSdeG logrou “arrincar acordos dos que estamos contentos”, como a modificación da proposta educativa do PP para introducir “cambios no E-Dixgal, conceptos de educación inclusiva de verdade” e melloras en saúde mental, “ampliando a rede de equipos no sistema sanitario”. Segundo explicou, “son cuestións que preocupan moito a nais, pais e profesorado, e que foron impulsadas polos socialistas”.
O voceiro da Executiva socialista recordou ademais que o PSdeG impulsou propostas para “o banco público de alugueiro, a mellora de infraestruturas, o camiño cara á gratuidade das peaxes e a mellora do sistema sanitario”, cuestións que “foron rexeitadas polo Partido Popular porque nunca tiveron intención real de acordar”.
“Presentamos unha alternativa de país e o Partido Popular ás veces empeza a entender que, cando rectifica e nos dá a razón, empeza a acertar”, concluíu Torrado, quen avanzou que “seguiremos traballando e os galegos e galegas saben que poden contar co Partido Socialista para falar das cousas que importan”.