Lage Tuñas reitera a necesidade dun cambio de goberno á fronte dunha institución provincial que “require de novas políticas, que se osixene e dun novo impulso”
14 de xuño de 2023. O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, declarou este mércores que detrás da renuncia de Baltar a optar á presidencia da Deputación de Ourense ve un “axuste de contas interno” do PP e unha “actuación á desesperada” para manter o control do ente provincial.
Na mesma mañá do mércores na que se coñeceu que o actual presidente da Deputación, José Manuel Baltar, non optará a revalidar o seu cargo, os socialistas galegos reaccionaron da man do seu secretario de organización, quen reiterou a necesidade dun cambio á fronte do goberno provincial, debido a que entenden que a provincia “require de novas políticas, require que se osixene e require dun novo impulso”.
Por este motivo, asegurou Lage Tuñas que no PSdeG ven necesario “facer todo o posible para que cambie a cor política que preside” a institución na actualidade e abrir así un novo tempo político.
Tamén advertiu Lage da complexidade da situación, pero a pesar diso non van a “desbotar a posibilidade” de que haxa “un goberno progresista”, xa que aos socialistas preocúpalles que cambie a forma de facer política cara unha que se faga “pensando nos cidadáns”.
Despois de que os comicios do 28 de maio deixaran un resultado aberto debido a que os populares non acadaron a maioría absoluta na corporación provincial, Lage considera que dende o PP están a actuar “á desesperada” para manter o control da Deputación. Cabe recordar que a mesma leva controlada dende 1987 por unha familia, primeiro por José Luis Baltar, e ata o de agora polo seu fillo, o tamén presidente do PP ourensán, José Manuel Baltar, quen nas semanas previas ás eleccións estivo no foco por diversas infraccións por exceso de velocidade ao volante dun coche oficial.