Pon en evidencia o “fracaso” e a “situación de colapso” das políticas de vivenda por parte da Xunta, con 400 millóns de euros sen executar na última década
A deputada socialista Noelia Otero reclamoulle hoxe á Xunta de Galicia que axilice “todo o posible” as convocatorias de axuda dos Programas de vivenda estatal 2022-2025. Fíxoo a través dunha proposición non de lei, debatida esta mañá no Pleno do Parlamento, onde alertou de que as mozas e mozos galegos están a padecer un dos índices máis baixos de emancipación de todas as comunidades autónomas. Ademais, Noelia Otero explicou que estas dificultades de acceso á vivenda “están a agravar as carencias materiais severas na nosa comunidade”.
Porén, malia os crecentes problemas que está a sufrir unha parte moi importante da sociedade galega, o Partido Popular votou en contra desta iniciativa. Nela tamén se pedía que se facilitase información detallada ás persoas ou colectivos máis vulnerables ou en situación de emerxencia social, e que se priorizasen os protocolos de colaboración coa FEGAMP para actualizar os rexistros de demandantes de vivenda.
Neste contexto, Noelia Otero denunciou “o desinterese e a nula vontade” do PP e do goberno galego en materia de vivenda. Boa mostra disto é que a Xunta deixou sen executar 400 millóns de euros do seu propio orzamento en materia de vivenda entre 2010 e 2020, uns datos “preocupantes e intolerables”. “Non se entende que deixasen sen gastar dous de cada tres euros duns orzamentos para o acceso á vivenda que xa de por si son raquíticos”, censurou a deputada socialista.
Ademais da escasa execución orzamentaria, Noelia Otero enumerou outros problemas como o escaso parque de vivenda protexida, no que que Galicia ocupa o último posto no ránking das comunidades autónomas. Puxo de exemplo o caso da cidade de Vigo, “onde estamos nos datos máis preocupantes da última década”, con máis de 5.600 persoas inscritas no rexistro e que demandan, maioritariamente, a opción do alugueiro. Tamén incidiu en que Galicia está á cola do investimento por habitante ou na minoración orzamentaria en políticas de acceso á vivenda.
Neste contexto, Noelia Otero cualificou de “realmente preocupante que nos atopemos cun goberno galego e un presidente da Xunta instalado na confrontación permanente”. Como resultado disto, e malia que Galicia conta con competencias exclusivas nesta materia, o balance de resultados de Feijoo no eido da vivenda arroxa “unha completa ausencia de políticas públicas neste ámbito e, polo tanto, un auténtico fracaso”.
Fronte a esta “estratexia de confrontación partidaria e da propaganda do PP e da Xunta”, Noelia Otero puxo de relevo o Plan Estatal de acceso a Vivenda 2022-2025, activado polo goberno do Estado. “Ese plan”, dixo, “permitirá darlle solucións aos problemas dos cidadáns con menos recursos e en situación vulnerable ou en risco de exclusión social”.
Dentro desa iniciativa, Galicia ten comprometidos para este ano 19,6 millóns de euros, unha cantidade que se complementa cos 11,7 millóns do Programa alugueiro Xove. “É urxente darlle saída a eses fondos transferidos”, instou Otero durante a súa intervención.
Noelia Otero argumentou que “a non independencia da mocidade está a poñer en risco a súa proxección vital”. A isto súmase a precariedade laboral, a situación do mercado inmobiliario e a falta de políticas activas e específicas por parte da Xunta, que deixan a case 320.00 mozos e mozas entre 15 e 34 anos obrigados a seguir residindo coas súas familias. “Temos unha xuventude atrapada nun bucle de inestabilidade” que, no caso do noso país, presenta datos peores en comparación con outras comunidades españolas.
En paralelo, alertou de que a situación sigue agravándose, cos prezos do alugueiro en constante escalada “nun momento de enorme dificultade para as familias debido ao encarecemento da enerxía e os combustibles”. De feito, os arrendamentos nas cidades xa se teñen incrementado un 25 por cento con respecto ao ano 2016 e, segundo os datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias, acadarán un novo ascenso do 8 por cento na comparativa interanual a finais deste ano.
“O mercado leva tempo tensionado pola escasa oferta de alugueiro asequible”, afirmou a deputada socialista, quen achacou esta situación “ao nulo impulso das políticas pública de vivenda por parte da Xunta”. Neste escenario, Noelia Otero advertiu que “resulta evidente que neste momento de inestabilidade, medo e inseguridade, a cidadanía galega , especialmente a máis desfavorecida e con máis dificultade, necesita certezas e medidas máis alá dos anuncios”.