Urxe á Xunta a reforma do pantalán de A Pasaxe, xa que a día de hoxe non é accesible para os vehículos que usan o transbordador
A deputada socialista Leticia Gallego denunciou hoxe os “prexuízos económicos” que está a causar a inactividade do ferri entre Caminha e A Guarda, tanto na vila guardesa como nos municipios próximos. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas no Parlamento para urxir á Xunta a reforma do pantalán de A Pasaxe co obxectivo de que este poida ser accesible aos vehículos que usan o transbordador.
“Existe un enorme malestar e preocupación dende os sectores da hostalería e comercio dos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Baiona ou Oia trala supresión do ferri entre o municipio galego e o portugués que impide o tránsito de persoas entre ambos municipios”, denunciou a socialista, quen reivindicou unha “solución urxente” a este problema, tal e como solicitan as alcaldesas e alcaldes afectados no Baixo Miño.
Malia que os motivos da supresión do ferri son diversos, un deles, denunciou a socialista, é que “o pantalán continúa á espera dunha reparación necesaria por parte de Portos de Galicia”, o que provoca que “agora mesmo non sexa posible o acceso de vehículos ao transbordador”.
“Esta avaría no peirao fai que dende agosto non se poida transitar no ferri en automóbil e, dende entón, só prestou servizo para pasaxeiros a pé ou en bicicleta, quedando suspendido na súa totalidade no mes de outubro”, subliñou. “Este problema afecta a toda a economía local da zona, xa que, por exemplo, no caso de A Guarda, boa parte dos clientes do sector hostaleiro proceden de Portugal e moitos deles chegaban á vila en ferri”.
Con esta situación, incidiu, “é necesario buscar unha solución a curto prazo e debería determinarse se o transbordador vai seguir funcionado e mesmo se este transporte cumpre coas expectativas das súas usuarias e usuarios nos dous países, xa que, de non ser así, sería necesario comezar a traballar na implantación dun novo servizo de transporte de pasaxeiros entre ambos municipios”.
“Este problema de transporte marítimo é moi grave, tendo en conta que as dúas vilas aliméntanse mutuamente a nivel económico e social”, alertou a socialista. E a maiores, subliñou, “os peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño Portugués pola Costa non dispoñen dun transporte regular para cruzar o río”.
Así, a alternativa actual ao ferri é utilizar os taxi-mar, unhas embarcacións portuguesas que traballan baixo demanda cunhas tarifas que, sinalou a socialista, “varían dependendo do número de persoas que transporten”.