Paloma Castro lamenta que “pasear por Raxó se convertese nun deporte de risco” logo de “máis dunha década de escusas do goberno galego” que confirman que “a Xunta de Feijóo discrimina a Raxó”
O Parlamento de Galicia vén de aprobar a iniciativa socialista que insta á Xunta de Galicia a acondicionar o paseo marítimo de Raxó, logo de 11 anos de paralización por parte do goberno galego. A vicevoceira do Grupo Socialista, Paloma Castro, aplaudiu o logro do Grupo Socialista que, despois de levar o asunto ao Parlamento durante varias lexislaturas, conseguiu que esta proposición non de lei fose aprobada por unanimidade na Comisión de Pesca e Marisqueo.
“Hai uns anos, a Xunta iniciou un paseo marítimo de madeira que quedou sen rematar, xa que actuaron só en 100 metros que non chegan nin á praia”, lamentou a socialista, quen sinalou que “queda todo por facer”, como as beirarrúas; o “arranxo do muro de contención”; a sinalización, valado e instalación de mobiliario urbano; o cambio do pavimento; a colocación de luminaria; así como a “actuación no peirao”.
Castro lamentou que “as escusas por parte do goberno galego dende o ano 2009 foron moi variopintas” para non executar o acondicionamento do paseo, “a última en sede Parlamentaria a unha iniciativa socialista, na que unha deputada do PP manifestaba que a obra suporía unha inversión de 600.000 euros” ao que “engadiu que viña marcada pola necesidade de instalar unha nova depuradora no Concello de Poio”.
“Isto era máis tomadura de pelo que escusa, xa que os destinos que se barallaron para a depuradora foron a varios quilómetros de distancia, ao carón da praia de Pampaido ou na de Chancelas, pero nunca nesta praia de Raxó”, asegurou.
A responsable socialista incidiu en que a situación de Raxó “empeza a ser perigosa para as persoas”, xa que non conta coas “condicións mínimas de seguridade para viandantes” nin son accesibles, co cal “non cabe unha cadeira de rodas nin un carro de bebé”.
Ademais, lembrou que este verán caeron dous vehículos á praia porque “a pesar de ser unha estrada moi estreita, é de dobre sentido”. Ante isto, a solución que adoitou Portos de Galicia foi “esperpéntica”, xa que “colocou uns bolardos de plástico” que, en vez de evitar problemas de circulación, “engaden un maior risco”, co que “pasear por Raxó se converteu nun deporte de risco”.
Castro pediu ao goberno galego que chegue a un acordo co Concello, xa que a veciñanza de Raxó “merece vivir nunhas condicións de seguridade” e “sen correr riscos”.