O líder do PSdeG insta á Xunta a efectuar xa “un gran plan de rescate efectivo e real” para os negocios pechados pola covid cando a Xunta aínda non publicou as axudas prometidas
O alcalde de Monforte, José Tomé, recaba o apoio do PSdeG para urxir o porto seco, no que “aínda non se moveu un gramo de terra”, e que é un “dos moitos incumprimentos da Xunta” coa vila
Monforte, 13 de febreiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Monforte para manter unha xuntanza co alcalde e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para coñecer de primeira man as necesidades da súa vila.
Dende alí, Gonzalo Caballero sinalou a dureza desta terceira onda e apelou á Xunta a “salvar á xente, protexendo a súa saúde e a súa economía” logo de que “fallara a estratexia de salvar o Nadal”.
No relativo á saúde, o líder do PSdeG subliñou que “as vacinas son a mellor garantía”. Por iso, tras recordar que “os socialistas sempre asumimos e nunca cuestionamos as restricións” adoptadas pola Xunta, deixou claro que “non imos consentir nin ser cómplices” das vacinacións irregulares.
Aludiu así tanto ás 200 persoas que se vacinaron fóra dos protocolos, polo que tivo que desculparse o xerente do hospital de Pontevedra; á vacinación irregular da conselleira delegada de DomusVi, “unha empresaria moi próxima ao PP” e en cuxos xeriátricos faleceron máis de 2.600 persoas; e á alcaldesa do PP en Boimorto.
Logo de que os votos do PP nesta vila impedisen a reprobación da alcaldesa, Gonzalo Caballero apelou “á ética e á estética” de Feijóo para que “non sexa cómplice” desta situación e para que “tome medidas”.
“PROTEXER Á XENTE”
En paralelo, o máximo responsable do PSdeG propuxo á Xunta “fortalecer” a sanidade pública, nun contexto no que as UCI están “en niveis máximos” de ocupación e no que a taxa de falecementos por cada 100.000 habitantes en Galicia é superior á de comunidades como Madrid ou Cataluña no que vai de ano. “Non son números, son persoas”, recordou.
Ademais, subliñou a importancia de apoiar á hostalería, o comercio, a cultura, o mundo do deporte e o sector das viaxes. “A Xunta puxo o candado o pasado 26 de xaneiro a milleiros de negocios e aínda non aprobou un paquete de medidas de apoio”, reprobou.
Por iso, tras apuntar que a Xunta recibiu 224 millóns de euros en 2020 para compensar a caída da economía e que neste ano recibirá 1.100 millóns de euros extra, Gonzalo Caballero pediu “un gran plan de rescate efectivo e real que chegue aos negocios e ás pequenas empresas, que teñen por diante meses complicados”. Desde o 26 de xaneiro en que se aplicaron novas restricións, a Xunta non aprobou o paquete de medidas económicas anunciadas.
Fronte a este xeito, Caballero destacou que o goberno de José Tomé en Monforte é “un exemplo” de como os socialistas “gobernamos pensando nas persoas”, fundamentalmente “en momentos de tanta dificultade”, tomando medidas desde o primeiro momento para defender as persoas.
“INCUMPRIMENTOS DA XUNTA CON MONFORTE”
Pola súa banda, o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, agradeceu a visita do secretario xeral do PSdeG para coñecer de man “as cuestións que preocupan” na súa vila.
Entre os “moitos incumprimentos da Xunta” con Monforte, o rexedor puxo sobre a mesa o porto seco, para o que sempre aparece “unha pequena partida, sempre a mesma” nos orzamentos, pero “aínda non se moveu nin un gramo de terra”.
“Que non nos tomen máis o pelo”, reclamou Tomé Roca, ao tempo que sinalou que o porto seco non pode funcionar sen o peirao de carga “que tamén ten a Xunta sen executar”.
Por iso, o alcalde pediu ao tamén voceiro socialista no Parlamento que leve á Cámara esta cuestión, “porque dende o ano 2000, xa vai sendo hora” de que o goberno galego cumpra con Monforte.
Ao respecto, Gonzalo Caballero comprometeuse a levar as demandas de Monforte ao Parlamento, sinaladamente o porto seco, para que a Xunta “aposte” por esta vila e polo seu desenvolvemento industrial.
“Sen futuro para Monforte non hai futuro para a provincia de Lugo e para a Galicia interior”, recalcou, consciente de que a Xunta “non pode seguir escatimando esforzos” neste eido.