O Parlamento aproba a iniciativa socialista para regular os criterios de reparto de máscaras hixiénicas entre alumnado en situación de vulnerabilidade para “evitar desigualdades”
Luís Álvarez lamenta que a Xunta exclúa do reparto ao alumnado de educación infantil, bacharelato e formación profesional
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luís Álvarez, vén de solicitar a dotación universal de máscaras para o alumnado galego. O Parlamento aprobou hoxe a iniciativa socialista que urxe ao goberno galego a regular os criterios de reparto das máscaras hixiénicas entre alumnado en situación de vulnerabilidade co obxectivo de “evitar desigualdades”.
Álvarez considerou que a medida tomada pola Xunta “é insuficiente”, xa que exclúe do reparto de máscaras ao alumnado de ensinanzas non obrigatorias, como educación infantil, bacharelato ou formación profesional. “Malia estar en etapas educativas non obrigatorias, entendemos que tamén teñen dereito a dispor de máscaras de protección”, aseverou.
Doutra banda, o responsable socialista esixiu á Xunta “equidade no reparto” para evitar “unha resposta distinta ante situacións idénticas en diferentes centros educativos”. Así, Álvarez urxiu á Consellería a enviar “instrucións precisas” aos centros escolares á maior brevidade, “a poder ser o luns da semana que vén”.
Por último, lamentou que o goberno galego “non ditase unha normativa suficiente” á hora de repartir as máscaras entre o alumnado en situación de vulnerabilidade cando “se anunciou esta medida por parte do Consello da Xunta hai un mes”. Así, destacou que “parece de sentido común que a administración dea aos centros instrucións claras” para evitar “descargar” sobre eles dita responsabilidade que pode orixinar “desigualdades” entre o alumnado.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
– “O Parlamento de Galicia insta á Xunta a regular os criterios e o procedemento de adquisición e distribución de máscaras hixiénicas entre o alumnado dos centros educativos de Galicia no curso 2020-21; co obxecto de ofrecer garantías xurídicas, lograr axilidade na aplicación da medida e evitar desigualdades entre os potenciais beneficiarios.”