A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou hoxe o desleixo do goberno galego para reclamar os investimentos pendentes por Naturgy e Endesa nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Presentou unha emenda á proposición non de Lei debatida hoxe para reivindicar a implicación da Xunta coas centrais térmicas, que foi rexeitada polo PP e os socialistas apoiaron a iniciativa.
A responsable socialista lembrou que, en 2015, Gas Natural Fenosa comprometera un investimento de case 100 millóns de euros para adaptar a central de Meirama ás esixencias medioambientais europeas e seguir funcionando máis alá de 2020, nun acto presidido por Feijóo o 31 de xaneiro daquel ano. 4 anos despois, lembra, Naturgy anuncia o peche en 2020 da central sen que Feijóo movera un dedo para lembrar o investimento comprometido.
No mesmo sentido, Endesa presentou en marzo de 2018 o Plan Estratéxico 2018-2021, incluíndo un investimento de 217 millóns de euros para reducir os efectos contaminantes na central de As Pontes e adaptarse á normativa europea, que “o PP se encargou de publicitar”. Sen embargo, cando a central leva máis de 4 meses sen actividade “nin sequera fixeron unha xestión co comisario de Enerxía da UE, Arias Cañete”.
Rodríguez Rumbo criticou o “xiro copernicano” do PP, que pasou de esquecer a situación das centrais térmicas durante o goberno de Rajoy e votar en contra de recuperar as partidas furtadas por Rajoy a “centrarse en buscar culpables” no goberno central. Preguntou así “onde estaba o presidente Feijóo militante de Galicia cando o goberno de Rajoy anulou” estas partidas e que “nin sequera defendeu a inclusión de actuacións en 16 concellos da comunidade na que goberna”.
Lembrou que malia aos augurios do PP, onte houbo unha reunión en Madrid entre o Ministerio de Transición ecolóxica e alcaldes, traballadores, asociacións de empresarios para buscar solucións aos problemas da falla de actividade en As Pontes. No encontro acordaron convocar unha mesa de traballo en dúas semanas, apoiar a integración da empresa no esquema da economía circular e mediar para evitar despidos.
Por iso, os socialistas presentaron unha emenda á proposta do PP reclamándolle á Xunta que traballe con Endesa para permitir a súa incorporación no esquema da economía circular. Ademais, respaldou a petición dun grupo de traballo interministerial coa participación das comunidades autónomas para analizar o modelo de transición enerxética e elaborar un plan de desenvolvemento industrial.