O secretario xeral advirte a Feijóo de que “non pode empezar a campaña sen facer efectiva con carácter inmediato” a renuncia da valedora do Pobo
Cangas, 6 de abril de 2019. O secretario xeral, Gonzalo Caballero, estivo hoxe en Cangas para arroupar a Ana Belén Martín na súa presentación como candidata á alcaldía. Despois de poñer en valor a incorporación á política dunha muller “xoven e preparada”, puxo o foco na importancia da rexeneración da vida política.
Na semana na que o TS rexeitou o recurso da valedora sobre a sentencia do TSXG que sinalou a nulidade do nomeamento dun familiar dun alto cargo do PP, Gonzalo Caballero recordou que esta institución “tería que ser un exemplo para todos os galegos”.
É por iso que o líder do PSdeG advertiu de que a situación “é de máxima gravidade” na medida en que “amosa a incapacidade para ser responsables coas sentencias”. “A cidadanía está atónita vendo que o PP segue sen entender que as sentencias esixen renuncias reais e non en diferido”, remarcou.
Nese senso, Gonzalo Caballero sinalou a Feijóo que “non pode empezar a campaña sen facer efectiva con carácter inmediato” a renuncia da valedora. “Non pode poñerse de perfil”, advertiu, consciente de que “ten que implicarse na resolución” desta situación.
“Rajoy non quixo ver a importancia da sentencia da Gürtel e houbo que retiralo cos votos do Congreso. Se a Feijóo non lle importa a exemplaridade, terá un non rotundo da cidadanía galega”, formulou o máximo dirixente dos socialistas galegos, vendo este “espectáculo pouco digno” na institución.
“CON FORZA”
En paralelo, na presentación de Ana Belén Martín, Gonzalo Caballero destacou as cualidades da candidata para converterse na próxima alcaldesa de Cangas.
“Unha muller xoven, preparada, que chega á política coa vida resolta e con toda a forza para contribuír ao futuro do concello”, valorou, ao igual que antes fixeran o secretario provincial do PSOE en Pontevedra, David Regades, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Pola súa banda, á candidata á alcaldía presentou ”un programa para 2030” despois de explicitar que a súa vocación é “devolver á sociedade algo do que lle deu”.