
Carmen R. Dacosta esíxelle ao conselleiro de Sanidade que reciba no Parlamento ao persoal da Unidade ao que vén ignorando dende que comezaron coa desintegración “progresiva e consciente” dun servizo “esencial”
A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta acusou hoxe ao conselleiro de Sanidade de “furtarlle a morte digna” aos pacientes de Ourense co desmantelamento da Unidade de Coidados Paliativos do CHUO. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lle esixiu ao conselleiro de Sanidade que reciba dunha vez ao persoal da Unidade e que hoxe foron ver o debate.
Reivindicou “dignidade territorial” para que “vivir en Ourense non signifique morrer con menos recursos que en calquera outra cidade”, logo da desaparición dunha unidade que “é o único refuxio para centos de familias”. Advertiu que “non vamos permitir que Ourense dea un paso atrás en humanidade” ao furtarlle unha unidade que se ocupa de “coidar cando xa no se pode curar”, o que representa a “máxima expresión dunha sociedade civilizada”.
A parlamentaria socialista esixiulle ao conselleiro que dea “garantía de permanencia” da Unidade coa súa capacidade intacta a través dunha certificación por escrito por parte da xerencia da Área Sanitaria. Ademais, reclamou a cobertura inmediata de tódalas vacantes de medicina e psicoloxía especializadas para frear a dispersión dos pacientes por todo o hospital, en unidades que non están preparadas, sen equipo multidiscipinar nin enfoque específico de paliativos.
Denunciou a “ausencia total de responsabilidade” por parte do conselleiro de da dirección da Área Sanitaria, que está a obrigar aos pacientes a “situacións de desamparo ou a traslados innecesarios” con “carencias moi graves que afectan directamente á calidade asistencial” por unha “mera decisión política” de consecuencias “terribles” para os pacientes.
Explicou que o “desmantelamento progresivo e consciente” deste servizo “esencial”, provoca que os pacientes en paliativos queden sen facultativo referente, non teñan acceso a servizos básicos como radioloxía, laboratorio ou transfusións.
Ademais, nestas condicións tampouco poden recibir procedementos minimamente invasivos, carecen de soporte psicolóxico estruturado e non teñen espazos adecuados para acompañamento nin para duelo. Explicou que teñen 5 habitacións dobres e só unha individual, moitas delas sen sequera sillón de descanso para os familiares ou acompañantes.