A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, amosou a súa sorpresa pola negativa do vicepresidente da Xunta a retirar a “letra pequena” do decreto de axudas ás vítimas dos incendios forestais. Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre as dúbidas xurídicas provocadas pola incorporación do que o presidente da Xunta cualificou como “cláusulas de estilo” nas axudas.
A responsable socialista advertiu do risco que supón a dita cláusula, que condiciona as axudas a “sempre que, como resultado das investigacións iniciadas, se determine a existencia de intencionalidade”. Reclamoulle ao vicepresidente da Xunta que explique “se van esixir que se demostre a dita intencionalidade ou non”, logo de que o presidente da Xunta amosara onte a súa disposición a “modificar o que fora preciso”.
Vilán lembrou que o decreto de axudas publicado co gallo dos incendios de 2006 “non dicía nada de intencionalidade” e limitábase aos danos persoais “que tiveran a súa orixe nos incendios”, sen ningún tipo de “cláusula de estilo”.
Explicou que o decreto deste ano inclúe un condicionante innecesario e preguntou “quen vai decidir o resultado das investigacións e quen vai determinar a suposta intencionalidade”.
Acusou ao goberno galego de “unilo todo á teima do terrorismo incendiario e á publicidade institucional e mediática que xustifica que as familias das persoas mortas e os feridos poden recibir axudas quizais no momento en que unha sentenza firme probe a intencionalidade por parte de alguén, despois de periplos xudiciais que poderían durar anos e anos”.