A Comisión de Política Territorial do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para urxirlle á Xunta que asuma o financiamento do 35 por cento da Vía Verde Ferroviaria entre Vilagarcía e Portas. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, foi a encargada de presentar esta iniciativa dirixida á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que “estea á altura” deste compromiso que compromete tamén á Deputación de Pontevedra, que investirá 200.000 euros, e aos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas. Vilán lembrou que a propia Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha proposta semellante no Pleno daquel órgano celebrado o pasado venres.
Esta infraestrutura, lembrou, “supón a recuperación da vía do tren entre Vilagarcía e Portas, que non se usa dende hai 9 anos”, coa que se comprometeu a anterior titular daquel departamento da Xunta e que “forma parte da aposta do Executivo autonómico polas vías verdes”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento insta ao Goberno da Xunta de Galicia a que, antes de que remate o ano 2018, asine un convenio entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e os Concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas no que se recollan os compromisos de actuación de todas as partes (incluída a asunción polo Goberno galego do 35 por cento do investimento) e un calendario de execución para a creación da primeira Vía Verde Ferroviaria que discorrerá entre Vilagarcía de Arousa e Portas, na provincia de Pontevedra”.