O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, presentou hoxe unha proposición non de Lei para ampliar nun 50 por cento o número de fisioterapeutas nas OPEs de Atención Primaria durante os próximos 3 anos. O PP negouse a aceptar esta proposta a pesares de que a sanidade pública galega tan só teña 159 fisioterapeutas, 1 cada 17.000 pacientes, con situacións estremas como a de Vigo, con 1 para 24.000 pacientes.
O responsable socialista explicou que os profesionais galegos atópanse “sepultados de traballo”, cunha ratio de pacientes seis veces superior ao que recomenda a OMS -1 cada 3.000 pacientes- e sitúase no posto 15 entre os países da UE. Esta situación, dixo, deriva nun “problema asistencial” ao que o goberno galego amósase impermeable, xa que Feijóo non convocou prazas de fisioterapeutas ata 2015, en que houbo 11 prazas, que en 2016 volveron a desaparecer da OPE.
Torrado sinalou que “a saturación e o modelo sobrepasado por ineficiencias na xestión fan que as capacidades dos fisioterapeutas estean desaproveitadas” cando “poderían contribuír a liberar traballo de médicos en cuestións músculoesqueléticas e axilizar o sistema, ademais de contribuír á educación para a saúde”.
Os socialistas reclamaran así que a redefinación do modelo de Atención Primaria inclúa avaliar as funcións destes profesionais incrementando as súas capacitacións e a participación para que “deixe de estar ao final do circuíto asistencial e pase a estar integrado no seu conxunto”.
Tamén urxiu ao goberno galego a publicar a Guía de Actuación en Fisioterapia elaborada e entregada polo Colexio Oficial de Fisioterapeutas en 2017, que o Sergas se comprometera a publicar en 2018 pero que “desapareceu da axenda” e en marzo de 2019 “ninguén sabe onde está”.