O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, reclamoulle hoxe ao goberno galego que tome cartas na loita contra a invasión de vespa velutina en Galicia e a declare oficialmente “praga”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei que foi finalmente rexeitada polo PP.
O responsable socialista criticou a “actitude de non temos nada que facer, non imos acabar con ela e que pase o que teña que pasar” que ao seu xuízo está a adoptar o goberno galego e reclamou “unha inxección económica e profesional” de recursos públicos. Lamentou o desleixo da Xunta contra un problema que “merece atención rigorosa e con seriedade” logo de constatar o seu impacto sobre a produción de mel, de froita e agora tamén contra a saúde dos veciños.
Os socialistas galegos pídenlle á Xunta que se dirixa ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para que revise a “Estratexia de xestión, control e posible erradicación do avispón asiático ou vespa negra”, aprobada en 2014 e que logo de tres anos tense demostrado como insuficiente. Finalmente, reclama que informen desta situación ás institucións europeas co obxectivo de “definir unha estratexia comunitaria”.
Sinalou que a praga, detectada hai 5 anos, pasou de afectar a 69 concellos en 2014 a por lo menos 254 en na actualidade, dos cales máis de 55 detectaron máis de 100 niños dentro dos seus límites. A situación chega a que, a día de hoxe, supón o 20 por cento das chamadas ao 112, sen ter en conta aquelas que son atendidas directamente polos concellos ou asociacións.
Pérez Seco alertou da dimensión do problema que supón esta especie, debido á súa gran capacidade de adaptación, e que merece “medidas e procedementos que homoxeneicen e que permitan facer unha loita específica contra a proliferación e extensión desta praga” dende as institucións públicas. Explicou que “non vai servir de nada que Galicia actúe de xeito illado e non coordinado contra a avespa asiática se non o fan outras autonomías tamén afectadas.