A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, denunciou hoxe no Pleno do Parlamento o “trato denigrante” ao que a Consellería de Xustiza someteu aos 9 titulares e 2 suplentes que integraron o xurado popular no xuízo polo “crime da rozadoira”, no pasado mes de abril. A responsable socialista levou ao Parlamento o desleixo demostrado pola Consellería, que deixou desatendidos aos membros do xurado.
A responsable socialista acusou á Consellería de ter convertido nun “calvario” o seu paso pola Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra. Explicou que estiveron incomunicados durante dúas xornadas de deliberación, sen botellas de auga, nin habitacións dispoñibles para durmir e cea nunha bocatería escoltados pola Policía Nacional logo de rematar a xornada preto das once da noite.
Vilán lembra que a intendencia é obriga do Goberno da Xunta, que hai cinco anos que “pasa” deste “traballo doméstico”, o que suscitou unha queixa dunha das persoas integrantes do xurado diante do TSXG. A realidade é que a intendencia ten que ser resolta polos funcionarios da Audiencia Provincial, o seu letrado e as demais funcionarias, malia que non sexa a súa competencia, e que “teñen que escoitar como o director xeral de Xustiza cuestiona o seu traballo”.
A responsable socialista advertiu que o goberno galego aínda non puxo “ningunha persoa que se encargue deste traballo” de intendencia, cumprindo coas obrigas do goberno galego e, subliñou, “non é así porque están facendo este traballo os funcionarios das seccións penais de Pontevedra”. Sinaloulle ao conselleiro de Vicepresidencia que “vostede non está a facer o seu traballo e o director xeral de Xustiza tampouco”.
Apuntou que a decisión do dito director xeral de desentenderse da súa responsabilidade ten suscitado a semana pasada un comunicado oficial do presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra pedindo a depuración de responsabilidades na Consellería. O dito comunicado, sinalou Vilán, apunta ao alto cargo como “o primeiro responsable político de que a administración de Xustiza estea en Galicia no estado no que todos coñecemos”.