“Cando o Partido Popular di que se parece ao Rei, penso que están pensando no Rei emérito, e probablemente comparten bastante opinión sobre Palestina, sobre os países que non respectan os dereitos humanos e sobre política fiscal”, ironizou o voceiro da Executiva do PSdeG en rolda de prensa
O voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, advertiu hoxe de que “o Partido Popular en Galicia perdeu o rumbo político e moral” e asegurou que “vai sempre a rebufo do que propón e defende o Partido Socialista”, tanto nas grandes cuestións que afectan ao país como nas respostas ás emerxencias sociais e humanitarias.
“É evidente que o Partido Socialista en Galicia é o partido que está máis pegado á realidade e máis enriba das cuestións que importan a galegos e galegas”, afirmou Torrado, quen reivindicou que o PSdeG “está no territorio, acompañando á xente e liderando solucións fronte a quen prefire falar dos problemas pechados en despachos en Santiago de Compostela, que non parece que sexa unha maneira de estar conectado coa realidade”.
Nesta liña, lembrou que o PSdeG continúa acompañando á veciñanza das zonas afectadas pola vaga de incendios do pasado agosto e que mañá organiza en Riós unha nova xornada do ciclo Diálogos con Raíz, centrada en analizar “que foi o que realmente pasou, por que pasou e cales son as políticas necesarias para que non volva suceder unha vaga de lumes tan desastrosa como a que sufrimos”.
Torrado destacou ademais que o PSdeG está traballando para que “as axudas aos afectados, especialmente no ámbito da agricultura e da gandaría, sexan postas en marcha de maneira áxil pero tamén efectiva”. E engadiu: “As axudas son necesarias, pero deben servir para reimplantar actividade produtiva e contribuír a frear os incendios. Axudas si, pero políticas transformadoras tamén. Senón non vale de nada”.
Rueda funcionou como relacións públicas de Altri
En relación co proxecto de Altri, Torrado afirmou que “o Partido Popular foi sempre a rebufo do que ocorría, funcionando case como relacións públicas da empresa”.
“Rueda fixo un traballo inmenso para implantar unha macrocelulosa que ninguén quería e que Galicia non necesita, e o resultado foi de bastante fracaso, por sorte, para galegos e galegas”, engadiu.
O voceiro socialista puxo en valor que “a posición política sensata ao principio ás veces é moi criticada, porque estamos nun mundo dunha política veloz, pero ao final esa política sensata impónse e resolve problemas que lle preocupan á cidadanía”.
Ademais, Torrado destacou o papel determinante de José Ramón Gómez Besteiro neste asunto: “O partido que estudou, que analizou, que entendeu, comprendeu e deu as posicións políticas referentes e importantes sobre os temas que lle preocupan á xente, como foi a posible implantación de Altri, foi o Partido Socialista, e foi Gómez Besteiro. Creo que a súa posición política foi determinante, foi seguida e é a principal referencia política na evolución do caso Altri en Galicia nos últimos meses”.
“O PP é incapaz de condenar un xenocidio”
Torrado dedicou boa parte da súa intervención a denunciar a actitude do Partido Popular respecto ao xenocidio que Israel está cometendo contra o pobo palestino: “O Partido Popular alimentou o discurso do odio, pretendendo equiparar vítimas e verdugos como se nada pasara, negándose a recoñecer o que é unha realidade: un xenocidio”.
Criticou que “dúas horas despois de sumarse a un minuto de silencio, arrastrado polo Partido Socialista, negábao, porque pretende facer as beiras a todo o mundo e equiparar vítimas e verdugos. Isto é absolutamente indecente”, denunciou.
“O PP parece máis ao Rei emérito que ao xefe do Estado”
O voceiro socialista tamén respondeu ás declaracións do PP nas que comparaban o seu discurso co do Rei: “Dicir que o discurso do PP é igual que o do Rei… Bueno, é verdade. Se me permiten a opinión, eu creo que cando o Partido Popular di que se parece ao Rei, penso que están pensando no Rei emérito”.
“Probablemente comparten bastante opinión sobre Palestina, comparten bastante opinión sobre os países que non respectan os dereitos humanos e tamén comparten opinión en política fiscal”, engadiu con ironía.
Finalemente, sobre a xestión dos menores migrantes non acompañados, Torrado foi claro: “Estamos a falar de persoas menores de idade que están sós, nun drama humanitario clarísimo. Non podemos falar de concentrar estas persoas nun centro para encapsular o problema”.
“Non cremos nunha política de gueto. Cremos nunha sociedade inclusiva, integradora, que incorpore con naturalidade ás persoas, independentemente de onde nacen, da súa relixión ou da súa cor de pel”, engadiu.
“As persoas non son ilegais nunca. E especialmente os menores con desarraigo merecen protección e acollida”, concluíu.
Para rematar, Torrado resumiu así o deriva do PPdeG : “O Partido Popular non só vai a rebufo nas políticas importantes, senón que ten bastantes dilemas sobre a súa moralidade. É moi triste que unha dereita que debería ser europea e sensata pase a ser unha dereita que non sabe que quere ser de maior e que lle gusta demasiado coquetear coa ultradereita e co discurso do odio”.