O portavoz de Transporte do Grupo Socialista, Luis Álvarez, esixiulle hoxe ao goberno galego que explique a suspensión cautelar da concesión de servizo público de transporte de viaxeiros de uso xeral por estrada licitada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. A suspensión foi decretada onte polo Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
O responsable socialista amosou a súa preocupación polas consecuencias na mobilidade e a vertebración territorial por estrada da suspensión deste procedemento que afecta á maioría das concesións do servizo público de transporte regular por estrada. Os socialistas galegos, dixo, presentarán iniciativas parlamentarias para reclamarlle explicacións á Xunta e que dea seguridade xurídica a esta concesión.
Lembra que, de acordo coa propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o Plan de transporte público, debera garantir, a partir do 7 de agosto, 100 contratos de explotación para 1.917 liñas de autobús en toda Galicia, mentres avanzan na definición das liñas restantes, que comezarían a funcionar en decembro.
Este plan implica tamén a extensión do autobús compartido, en 1.438 liñas escolares, e o transporte baixo demanda, para outras 1.038 liñas. Trátase dun procedemento que implicaría máis de 1.000 autobuses, 1.113 condutores e 900 acompañante nas rutas escolares, e un volume de negocio de 600 millóns de euros.