A deputada socialista alerta de que hoxe xa hai 719.000 galegos maiores de 65 anos: “Dentro dunha década, sen un plan serio, a dependencia pode converterse nunha emerxencia social”
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025. A portavoz de Política Social do PSdeG, Silvia Longueira, advertiu esta mañá no Parlamento de Galicia que o sistema de atención á dependencia “está ao límite” e que a Xunta “non pode seguir mirando cara outro lado mentres milleiros de galegos agardan unha axuda que nunca chega”.
Longueira denunciou que Galicia se sitúa entre as comunidades que peor xestionan a dependencia, con 349 días de espera media para que unha persoa reciba unha resolución, “case un ano, o dobre do que marca a lei”.
“E nese tempo, dixo, hai xente que morre sen recibir o que lle corresponde, familias que desesperan e traballadoras que seguen nunhas condicións que son, simplemente, inxustas”.
“Nunca houbo tantos recursos e nunca se fixo tan pouco. Non é un problema de medios, é un problema de vontade política”, afirmou Longueira, lembrando que o Goberno de España destinou máis de 1.600 millóns de euros entre 2021 e 2023 para reforzar o sistema de dependencia, “mentres a Xunta recortaba fondos e desviaba cartos a bonos propagandísticos”.
Un sistema ao límite e sen planificación
A deputada socialista advertiu de que a situación actual “é só o principio dun colapso maior”, xa que Galicia conta con 719.000 persoas maiores de 65 anos -case o 27 % da poboación- e “sen un plan realista para afrontar o envellecemento porque dentro dunha década, a demanda de coidados vai dispararse, e se hoxe xa temos 349 días de espera, imaxinen o que virá mañá”, explicou.
A realidade deste colapso vese con claridade nos concellos: “O Concello da Coruña ten máis de 800 persoas en lista de espera e o de Vigo rolda o milleiro de solicitudes sen resolver”, explicou Longueira.
“Falamos de dúas cidades con servizos sociais potentes e comprometidos, que malia todo non dan feito porque a Xunta non cumpre coa súa parte. Se isto ocorre en Vigo e na Coruña, imaxinen o que pasa nos concellos pequenos, sen recursos nin persoal suficiente”.
Longueira criticou que Galicia sexa practicamente a única comunidade autónoma que non conta cun Plan Estratéxico de Servizos Sociais, “a folla de ruta que debería garantir dereitos e planificación”.
“Outras comunidades van polo segundo plan; nós, nin sequera fixemos o primeiro. E mentres tanto, seguimos improvisando a golpe de titular”, engadiu.
As propostas socialistas
Silvia Longueira subliñou que o PSdeG “non se limita a denunciar”, senón que leva ao Parlamento propostas concretas e realizables para reverter esta situación.“Temos un plan, e o primeiro paso é recuperar a dirección e a confianza no sistema”, asegurou.
A iniciativa socialista propón que a Xunta poña en marcha, nun prazo máximo de seis meses, o Plan Estratéxico do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tal e como obriga a lei, “porque sen planificación non hai futuro”.
Ademais, Longueira reclamou aplicar de inmediato o Real Decreto 893/2024, que mellora dereitos, formación e calidade no sector: “Non fai falta inventar nada: só cumprir o que xa está aprobado e darlle dignidade a un servizo que é esencial”.
A proposta inclúe tamén a aprobación, antes de que remate o período de sesións, dun plan integral da dependencia, que garanta dereitos reais tanto ás persoas usuarias como ás traballadoras.
“Ese plan debe poñer o foco no que importa: reducir tempos de espera, reforzar os equipos sociais, estabilizar o persoal e asegurar que quen coida o faga con seguridade e recoñecemento”, subliñou.
Longueira lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar debería ser unha ponte segura entre a necesidade e a atención, pero hoxe é “un camiño cheo de pedras”.
Hai concellos onde funciona con dignidade e outros onde é claramente insuficiente. E detrás de cada carencia, insistiu, hai persoas que sofren.
“O caso de Teresa de Jesús, en Porriño, é a proba máis dura de que estamos fallando tamén ás traballadoras. Son mulleres que coidan, moitas veces soas, sen apoio, sen medios e sen protección”, lamentou.
A portavoz socialista insistiu en que Galicia precisa “un cambio de rumbo político decidido e valente” para construír un sistema de coidados público, forte e igualitario.
“Coidar non é un gasto, é unha prioridade política e unha obriga moral. Queremos pasar do abandono á acción, dos cheques á responsabilidade, e das escusas aos dereitos reais”, concluíu.