O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou hoxe ao goberno galego de utilizar aos profesionais sanitarios como “meros instrumentos para poder pisotealos” con condicións laborais leoninas. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar o reforzo do cadro de persoal e a redución da precariedade na sanidade pública, que foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista criticou que ao goberno galego “impórtanlle un bledo” os profesionais da sanidade galega e as súas condicións de traballo, como ven de confirmar a condena do TSXG contra o Sergas pola práctica “torticera” e “fraudulenta” de cubrir postos estruturais con contratos eventuais en precario. O mesmo que sucedeu, sinalou, co pediatra ao que o Sergas tivo que lle pagar 15.000 euros por saturación no seu servizo ao non cubrir as baixas dos seus compañeiros.
Sinalou que “canto máis tarden en cambiar a política explotadora, peor para o sistema” e preguntou “canto tempo, cartos e calidade do sistema vainos custar a todos e todas a soberbia do goberno da Xunta”. Na súa opinión, están a forzar a que “os profesionais teñan que ir ao xulgado para que vostedes paguen indemnizacións por tratar de agochar” os niveis de precariedade na sanidade pública galega.
Torrado tomou hoxe precisamente os anuncios do PP de facer fixos a 5.000 profesionais da sanidade en 3 anos –o 18 por cento do persoal- para deixar a eventualidade nun 5 por cento, co que “iso danos a lo menos un 23 por cento, e esa é a taxa de eventualidade da sanidade pública que vostedes non queren recoñecer, cáenselle os datos dos petos”, resumiu graficamente.
Antes, o parlamentario socialista ofrecera un relatorio de datos oficiais desmentindo as cifras que o goberno galego presenta “sen respaldo nin sustento”, ao dicir que hai 1.500 profesionais máis que hai 10 anos. Explicou que os Orzamentos da Xunta sinalan que en Atención Primaria hai 1.249 profesionais menos entre 2009 e 2019, e o rexistro oficial do Ministerio de Facenda apunta a que en Galicia “perdemos o 1,53 por cento do persoal en sanidade pública”.
Proposta
Os socialistas presentaran hoxe unha proposición non de Lei para pedirlle ao goberno galego un informe sobre a situación laboral específica da eventualidade no Sergas, e iniciar un plan estratéxico de reforzo do cadro de persoal e mellora da estabilidade no prazo máximo de seis meses.
A proposta, que foi rexeitada polo PP, incluía a petición de incorporar ao cadro de persoal a lo menos a tódolos traballadores e traballadoras que teñan encadeado 300 días ou máis de contratos eventuais no Sergas durante os últimos dous anos.