Elena Espinosa apunta á solución concedendo 11 minutos máis nun Pleno por cada período de sesións
Os socialistas galegos centrarán o último Pleno antes do verán na situación dos servizos públicos e o balance político da primeira metade do ano
A viceportavoz Primeira do Grupo Socialista, Elena Espinosa, denunciou hoxe a nova edición da “pinza de complicidade” entre PP e BNG para furtarlle ao PSdeG unha das preguntas ao presidente ás que ten dereito en cada período de sesións. Espinosa explicou que a Xunta de Portavoces determinou hoxe o reparto de iniciativas ata final de ano para seguir “reducindo a capacidade de control e os dereitos parlamentarios do Grupo Socialista”.
A responsable socialista trasladou a inconformidade deste Grupo Parlamentario con esta decisión imposta polo PP coa conivencia do BNG e que ten como obxectivo “silenciar ao PSdeG e impedir que poidamos facer o control ao presidente coas preguntas orais que nos corresponden”. O PP retomou o suposto criterio da proporcionalidade para que nunha das sesións parlamentarias Besteiro non poida formular a súa pregunta ao presidente.
Lembrou que o Grupo do BNG nunca deixou de presentar a súa pregunta oral mesmo cando tiña menos deputados dos que hoxe teñen os socialistas galegos, “e estabamos de acordo”, ademais de que xa houbo Lexislaturas con tres preguntas ao presidente, unha máis das que hai agora. Explicou que a solución resulta “moi fácil” e pasa por ampliar “11 minutos máis” nun pleno por cada período de sesións, o tempo que dura facer a pregunta, un tempo que “non significa nada”.
Espinosa presentou ademais as iniciativas parlamentarias que levarán os socialistas no último Pleno deste período de sesións, que estarán centradas na situación dos servizos públicos de Galicia. Comezarán pola pregunta ao presidente na que Besteiro reclamará un balance da xestión política por parte do goberno galego na primeira metade do ano.
O Pleno comezará cunha proposición de Lei do Grupo socialista para garantir que os galegos e galegas teñan cita na Atención Primaria nun prazo máximo de 48 horas, tal e como anunciou o propio Besteiro hoxe en Ourense. Tamén incluirán dúas preguntas orais sobre a supresión da atención médica programada nos centros de saúde do concello de Cervo e sobre a necesidade dun Plan sanitario urxente para atender o incremento da demanda no Salnés durante o verán.
Tamén tratarán a situación da Educación, neste caso a través dunha Interpelación para reclamarlle ao conselleiro de Presidencia que asuma a súa responsabilidade logo da xestión “desastrosa” do transporte escolar neste curso. Espinosa alertou de que o servizo está a repetir curso tras curso os mesmos problemas de incumprimento de horarios, transportes que non chegan ás paradas, uso de VTC ou taxis en lugar dos vehículos contratados, e condicións defectuosas nos autobuses.
Así mesmo, presentarán unha moción, derivada da interpelación sobre a crise demográfica de Galicia presentada no Pleno pasado, para propoñer medidas para frear o despoboamento do rural que o goberno galego é “incapaz” de afrontar, e que está a provocar “consecuencias de desertificación e abandono” do medio.
Memoria Democrática
O Grupo Socialista levará ao próximo Pleno unha proposición non de Lei para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia. Trátase dun órgano de asesoramento, información, debate e estudo das propostas na defensa e promoción dos dereitos humanos ao redor da recuperación da memoria democrática das persoas asasinadas, desaparecidas, perseguidas e represaliadas durante o golpe de Estado, a guerra civil e a ditadura franquista.
Tamén presentarán unha proposición non de Lei a raíz das conclusións do Consello de Contas para que o goberno galego regule as portas xiratorias e a actividade dos grupos de interese. Finalmente, levarán unha pregunta oral sobre a paralización da construción da variante que conecta o Polígono de Bértoa coa zona sur de Carballo, prevista polo goberno do socialista Pérez Touriño e paralizada dende a chegada dos gobernos de Feijóo e Rueda.