A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reclamou a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente –asinada conxuntamente co Grupo de En Marea- para dar conta do impacto do lume dos pasados días 14 a 16 de outubro nas zonas protexidas. A responsable socialista reclamou a posta en marcha “inmediata” das tarefas de recuperación da flora e fauna e actualizar as medidas preventivas nestas zonas.
Vilán apuntou á incidencia destes lumes, que queimaron en torno ás 35.000 hectáreas recoñecidas, e que afectaron tamén a diversas zonas protexidas de Galicia, como son Pena Veidosa, Macizo Central e Serra do Xurés – Baixa Limia, en Ourense, e Ancares – O Courel en Lugo, onde poderían ter arrasado máis de 9.000 hectáreas, segundo os responsables locais.
A responsable socialista advertiu que “unha vez pasados os lumes é o momento de facer un balance serio e público no Parlamento de Galicia, asumir as responsabilidades políticas que corresponda, iniciar as tarefas de recuperación sobre o terreo e tomar tódalas decisións necesarias para prever que non se repita un fenómeno semellante no futuro”.
Lei do Patrimonio Natural
Os socialistas galegos reclaman neste sentido a elaboración dunha nova Lei do Patrimonio Natural de Galicia, que garanta “unha protección máis eficaz do patrimonio natural e da biodiversidade” e “comezar de inmediato coa restauración das zonas protexidas afectadas polo lume”.