O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamou hoxe un acordo para mellorar as condicións laborais do persoal sanitario. Así o dixo no debate dunha Interpelación ao conselleiro de Sanidade que presentou hoxe no Parlamento, na que lle instou a aplicar o acordo da Comisión de Reconstrución do Congreso de cara a eliminar a taxa de reposición dos profesionais sanitarios.
Torrado reclamou un acordo para aplicar en Galicia o acordo do Congreso para eliminar a taxa de reposición e recuperar nunha Lexislatura o volume de profesionais perdido nos últimos 11 anos, nos que a Sanidade perdeu 140 millóns de euros cada ano entre 2009 e 2020, e 1.100 profesionais só en Atención Primaria.
Sinalou ao goberno galego que “aproveiten para reforzar o persoal que permite o Estado por causa da covid, convoquen tódalas prazas MIR posibles, especialmente en Atención Primaria, e amplíen as prazas da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Tamén propuxo incrementar os contratos estables en enfermaría e Atención Primaria e amplíen o espectro profesional para “liberar aos médicos doutras tarefas para que poidan exercer só a medicina”.
Acusou ao goberno galego de criticar primeiro a taxa de reposición –que aceptaban baixo o goberno de Rajoy- para despois votar en contra da súa supresión na Comisión de Reconstrución do Congreso e, agora que foi eliminada, negarse a contratar médicos para recuperar o nivel de persoal de hai 11 anos. Criticou que “non lles importan nada os recursos humanos, senón construír o relato para botarlle a culpa a outro”.
Censurou a “deslealdade” do goberno galego, ao que “lle fastidia que se elimine a taxa de reposición” de profesionais sanitarios mentres responsabilizan ao goberno central. O responsable socialista ironizou coas críticas do goberno galego sinalando que “cando se dean conta de que tiñan competencias de xestionar a sanidade vai ser tremendo”.
Comparou esta xestión coas críticas contra o Estado pola dificultade de contratar de MIR ata o momento en que o goberno de España habilita o maior número de prazas da historia, e “cando temos un Real Decreto que xa permite desbloquear as contratacións levan 3 semanas sen mover un só dedo”.
Problema grave de recursos humanos
Torrado alertou do “problema grave de recursos humanos” na Comunidade Autónoma coa terceira peor ratio de médicos por paciente –segundo o Colexio Profesional de Médicos-, a terceira peor ratio de enfermeiros por paciente, a peor ratio de España de profesionais en saúde mental, psiquiatras, psícologos e enfermeiros especialista, e a mesma autonomía, dixo, que ten ás matronas por debaixo da media.