lembra que o PP nunca implantou o galego no anterior sistema nos seus preto de 20 anos de vixencia e é a lingua cooficial que menos se fala na xustiza
A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Paloma Castro, esixiulle hoxe ao director xeral de Xustiza que se comprometa a poñer en marcha o novo sistema de xestión da Xustiza en lingua galega como opción prioritaria “dende o día 1”. Castro presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria para reclamarlle ao goberno galego que impulse a galeguización da xustiza.
Castro lembrou que o anterior programa de xestión procesual, o coñecido como Minerva, estivo funcionando preto de 20 anos nos que o PP dende o goberno galego se comprometeu pero nunca fixo unha versión en galego. A responsable socialista esixiulle á Xunta que garanta a cooficialidade do galego, e que funcione como opción preferente neste sistema “dende o momento en que se prenda o programa”, o próximo 1 de xaneiro de 2026.
A responsable socialista advertiu que o galego “non é unha opción secundaria”, e engadiu que “se queremos unha xustiza máis próxima, máis humana e máis igualitaria non podemos seguir excluíndo o galego nas salas dos xulgados”. Reivindicou unha xustiza “que tamén fale galego”, que respecte á lingua dos usuarios e “non converta a escolla do glaego nun obstáculo ou nun risco xurídico”.
Propuxo un “plan realista e ambicioso de galeguización da xustiza, ademais de formación obrigatoria e continuada en lingua galega para o persoal xudicial nesta Comunidade Autónoma e garantías efectivas para que calquera persoa poida expresarse en galego nun xuízo “sen trabas nin demoras”. Ademais, solicitou incentivos ao uso desta lingua nas resolucións, nas comunicacións e na atención ao público.
A parlamentaria socialista considera “inxustificable” que en Galicia a día de hoxe só en torno ao 1 por cento das resolucións xudiciais se redacten en galego, polo que é a lingua cooficial menos empregada pola administración da Xustiza. O galego está moi por debaixo do catalán -entre o 8 e o 12 por cento- e o euskera -entre o 5 e o 7 por cento-, dúas linguas que si que son empregadas nos programas de xestión das dúas comunidades autónomas.
Lamentou que “na xustiza galega, o galego está ausente” por “falta de vontade política e institucional” do goberno galego do PP, e reivindicou que “o galego ten que ser tamén lingua de dereitos, lingua de seguridade xurídica e lingua de futuro”.