Patricia Iglesias valora que a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE “avala a defensa do Goberno de España e desmantela a propaganda do PP”
A deputada do PSdeG insistiu en que o fallo “non desbloquea os parques paralizados por razóns medioambientais, porque a Xunta leva 16 anos tramitando cun plan de 1997”
A portavoz socialista de Enerxía no Parlamento galego, Patricia Iglesias, celebrou hoxe a sentenza na que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se pronuncia sobre a cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle trasladou respecto da tramitación dos parques eólicos na comunidade autónoma. A consulta do TSXG mantiña paralizado o desenvolvemento de numerosas iniciativas, que tras este fallo se van poder poñer en marcha.
Iglesias valorou que a decisión da Xustiza europea “avala a defensa do Goberno de España” respecto do sector eólico, ao tempo que “desmantela a propaganda do PP”. De feito, “é un claro respaldo ao bo facer do Executivo progresista, que defendeu este caso e que conseguiu unha resolución que achega seguridade xurídica ao sector”. Así, a Xunta “debería recoñecer este éxito institucional, porque mesmo a entón ministra Teresa Ribera ofreceu colaboración e apoio ao Goberno galego nesta materia desde o minuto un, ao estarse tratando unha lei estatal”, explicou a parlamentaria socialista.
Porén, Patricia Iglesias quixo deixar claro “algo moi importante”, como é que a sentenza non desbloquea moitos dos parques que aínda están suspendidos pola Xustiza. “Trátase dos que están paralizados por razóns medioambientais, porque a Xunta leva 16 anos tramitando parques eólicos cun plan sectorial de 1997”. Esa normativa “obsoleta” non se adaptou ás directivas comunitarias de hábitats nin á ampliación da Rede Natura, e tampouco se modificou para acomodala á zonificación que se desenvolveu desde o Estado, como si fixeron outros territorios, por exemplo, “comunidades que agora son líderes en renovables, como Aragón, Castela e León ou Valencia”.
Nese senso, a deputada alertou de que o Goberno de Rueda “segue autorizando parques en zonas ambientalmente non aptas”, e criticou que a Xunta do PP leve anos “dando bandazos sen facer os deberes e afundindo ao sector nunha inseguridade xurídica sen precedentes”.