

Os descontos cos que o Goberno está paliando os efectos da prórroga da concesión a 75 anos por parte de Aznar chegaron a máis de 50 millóns de viaxes entre o ano pasado e o que vai de 2025
A secretaria xeral de Transporte Terrestre lamentou que o PP bloquease cando gobernaba unha transferencia de competencias a Galicia que agora si “vai ser obxecto de debate parlamentario”
Rocío Báguena sinalou que as decisións dos populares hai dous decenios, para estender ata 2048 “a carga para a cidadanía” e privatizar a infraestrutura, son agora “son moi complexas de reverter”
O Ministerio de Transportes vén de cifrar en máis de 376 millóns de euros o aforro que obtiveron desde o 2018 os usuarios e usuarias da AP-9 grazas ás bonificacións impulsadas polo Goberno de Pedro Sánchez. Así o cuantificou hoxe na súa comparecencia na Comisión de Transportes do Congreso a secretaria xeral de Transporte Terrestre, Rocío Báguena, que lamentou que as decisións adoitadas polo Executivo de Aznar en 2000 e 2003 para estender ata os 75 anos concesión da infraestrutura e privatizala “son moi complexas de reverter”.
Báguena criticou que, por enriba, ampliar a concesión supoñía tamén “prolongar 25 anos máis a carga da peaxe para a cidadanía”, ata 2048, e censurou que agora o PP reclame solucións tras causar o problema. Afeoulle tamén que entre 2012 e 2016, con maioría no Congreso, “non aprobou ningunha lei para a transferencia da autoestrada” a Galicia, mentres que agora dirixentes coma Rueda esixen ese traspaso sen ningún tipo de debate. Segundo defendeu a secretaria xeral, a diferenza do que ocorría cando gobernaba Rajoy, agora “non se vetou a tramitación da lei e vai ser obxecto dese debate parlamentario”.
De non ser porque Aznar decidiu no ano 2000 aumentar o período concesional da autoestrada, esta xa estaría libre de peaxes desde hai dous anos. Báguena lamentou que os populares, os mesmos que lle deixaron esa hipoteca á cidadanía galega, e que ademais non foron quen de habilitar ningún tipo de axuda para os usuarios e usuarias prexudicados por aquela decisión, reclamen tamén o rescate da vía. A secretaria xeral sinalou as “implicacións xurídicas e económicas” desa medida, especialmente cando a Unión Europea ten aberto un procedemento pola posible ilegalidade das medidas impulsadas polos populares hai máis de dous decenios.
Ao respecto, o PSdeG vén defendendo que o principal obxectivo é acadar a gratuidade da vía, algo no que durante os últimos dous anos se avanzou con bonificacións que chegan ao 75 % das peaxes para usuarios e usuarias recorrentes. Aínda máis cando planean as repercusións dunha posible declaración de ilegalidade da concesión, implicacións que deben estar totalmente resoltas antes de formalizar transferencias de competencias sobre a autoestrada á comunidade autónoma, co fin de que non supoñan unha nova carga para Galicia.
A diferenza do PP, culpable de que galegos e galegas sigan pagando peaxes na AP-9, o Goberno de Pedro Sánchez si puxo en marcha os medios para atenuar o impacto das tarifas, tal como destacou Rocío Báguena. Só nos últimos anos, traducíronse nun aforro de 51,6 millóns de euros en 2024 e de 61,9 millóns entre xaneiro e setembro de 2025, no que aínda se espera destinar outros 5 millóns a tal fin. A maiores, de acordo co Real Decreto-Lei 20/2022, existe unha subvención temporal e extraordinaria das tarifas de autoestradas de peaxe estatais, da que no caso da AP-9 se beneficiaron o 100 % dos usuarios e usuarias, o que suma un importe adicional de 8,2 millóns de euros en 2024 e 4 millóns de euros no que vai de 2025.
En canto ao número de viaxes con bonificacións, foron case 28 millóns de tránsitos (en concreto, 27.858.019) durante o 2024, o que equivale ao 48,4 % do total. Entre xaneiro e o 30 de setembro de 2025 foron case 23 millóns (22.789.805) as viaxes que tiveron unha redución de prezo, o que representa o 49,9 %.
Estudo para a implantación do tren de proximidade
Tamén compareceu na comisión a secretaria xeral de Mobilidade Sostible, Sara Hernández Olmo. A pregunta do Grupo Mixto, explicou que o ministerio está a piques de rematar o estudo para a implantación dun servizo ferroviario de proximidade en Galicia. O seu contido obedecerá, segundo dixo, a criterios “de demanda, funcionais, sociais e económicos”. Olmo explicou que o obxectivo do Goberno é implementar “medidas que respondan ás necesidades da cidadanía galega” non só neses trens, senón tamén en outro tipo de servizos, coma os de media distancia.
Dentro do novo marco de políticas de mobilidade no que está traballando Transportes, a secretaria xeral mostrou o “compromiso firme” do Executivo cun sistema ferroviario “que garanta a cohesión territorial” e que ademais sexa “accesible e de calidade”. Defendeu, nese punto, que xa se teñen dado importantes pasos na mellora desa calidade, tal como demostra o incremento do número de viaxeiros nun 25 % en Galicia desde o ano 2022. Iso é “reflexo duns mellores servizos”, afirmou.