A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, lamentou hoxe a “visión cateta e trasnoitada do medio ambiente” que trasladan os orzamentos da Xunta para este departamento. Así o dixo na comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para presentar as contas para o próximo ano, cunha credibilidade, dixo, lastrada por un nivel de execución de apenas o 54 por cento das partidas previstas para 2018.
Vilán criticou así a falla de compromiso co medio ambiente por parte do goberno galego, que resumiu coa separación de Augas de Galicia desta Consellería para integrarse no organigrama de Infraestruturas. Apuntou que resulta “imposible loitar contra o cambio climático renunciando ás competencias sobre o ciclo da auga”.
Lamentou que a nova titular de Medio Ambiente teña “renunciado aos servizos de auga e saneamento”, que “non poden estar á marxe” dun departamento que “perdeu os montes, as rías e agora tamén as augas”. Defendeu unha “xestión integral do ciclo da auga como recurso público que garanta o acceso” universal a un ben que abarca “o abastecemento, a calidade e a seguridade para a saúde, o mellor tratamento dos vertidos e a protección dos ecosistemas acuáticos”.
Ademais, dixo, as previsións orzamentarias anticipan o fracaso do goberno galego na xestión de residuos, a elaboración da Estratexia Galega de Cambio Climático, a elaboración dunha estratexia de economía circular ou na protección do patrimonio natural.
Criticou así as “trampas e promesas incumpridas” na xestión de residuos pro parte do goberno galego. En primeiro lugar, dixo, engana ao anunciar unha baixada do 10 por cento do canon de Sogama “pretendendo que esquezamos que en 2014 o incrementaron un 34 por cento de forma unilateral e sen avisar”.
Sinalou os incumprimentos na ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, que volve ser comprometida para o próximo ano para supostamente cuadriplicar as taxas de reciclado do goberno galego. Sinalou que o Executivo sustenta nesta “mentira” o seu compromiso de acadar o obxectivo de reciclar o 50 por cento dos residuos en 2020, fixado pola UE, cando Galicia, Canarias e Madrid “non chegan actualmente nin ao 20 por cento”.
Patricia Vilán advertiu ademais do retraso na elaboración da Estratexia de Cambio Climático 2050, cando “seguimos agardando polo borrador que ía estar presentado en maio de 2018”, mentres a Xunta tan só destina unha partida de 740.000 euros para a adaptación ao cambio climático. O mesmo sucede, dixo, coa “inexistente” estratexia de economía circular relacionada coa xestión de residuos, ou coa Lei de Patrimonio Natural que segue sen ser presentada na Cámara.
A responsable socialista lamentou que a conselleira renunciara a dar resposta ás interpelacións do Grupo Socialista e recolleu o guante do seu compromiso de executar a totalidade dos orzamentos en 2019, “estaremos moi atentos para fiscalizar o seu cumprimento”, dixo.
Vivenda
A parlamentaria socialista sinalou que os orzamentos deste departamento para o próximo ano “constata que non existe intención algunha de mellorar os nefastos resultados dos últimos anos, tanto en acceso á vivenda como en fomento da rehabilitación e de calidade da vivenda”. Tildou ademais de “ridículo” o obxectivo do goberno galego de realizar 3 vivendas públicas a través do Instituto de Vivenda e Solo.
Evidencia así unha notable “falla de implicación no cumprimento dos compromisos e a preocupante descarga de responsabilidades no Estado”, que pasa a ser o principal sufragador de políticas de vivenda a través do Plan Estatal de Vivenda.
Finalmente, sinalou á “considerable baixada dun 17,75 por cento do investimento no programa de Urbanismo” e do 46 por cento no caso do programa de Promoción de solo para actividades económicas.