O responsable da Área Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, lamentou hoxe a “falla de compromiso claro” nos Orzamentos da Xunta para 2019 contra a Violencia de Xénero. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza na Comisión de Economía para presentar as contas do seu departamento para o próximo ano.
Díaz Villoslada advertiu da falla de concreción orzamentaria na loita contra a Violencia de Xénero, a pesares de que o 37 por cento do total de fondos do goberno galego dedicados a este aspecto procedan do Goberno Central en base ao Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Sinalou neste sentido a falla de accións directas contra a violencia de xénero no rural galego logo de que Galicia reciba máis do 31,5 por cento dos 10 millóns repartidos en todo o Estado.
Puxo en dúbida así o compromiso coa Igualdade do goberno galego, que viu “inducido” pola inxección de fondos procedentes do Goberno Central, a pesares do cal Galicia deixa as partidas nesta materia “practicamente idénticas a exercicios anteriores”. Apenas incrementan, dixo, un 1 por cento, moi por debaixo do incremento xeral dos orzamentos da Consellería, que ascenden un 5 por cento.
Lei de Acompañamento
O responsable socialista apelou á condición do conselleiro como responsable dos servizos xurídicos do goberno galego, así como garante do cumprimento dos principios de transparencia e bo goberno para afearlle o abuso da Lei de Acompañamento. Criticou que utilicen esta norma, complementaria aos Orzamentos, para modificar dunha tacada ata 25 leis e 5 decretos de materias alleas a asuntos puramente orzamentarios.
Nesta ocasión afectan a unha normativa tan variada, explicou, como son a Lei do Solo, a Lei de Protección e do Benestar Animal, de Portos ou de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, algunhas delas alteradas antes do seu primeiro ano de vida. Censurou que utilicen este mecanismo para alterar a normativa sen o correspondente debate parlamentario, e sinalou que “no que vai de mandato reformaron pola porta de atrás 75 normas” alleas aos orzamentos.
Díaz Villoslada urxiu ao conselleiro ademais a presentar os “plans antifraude” comprometidos en materia de contratación pública autonómica, así como á posta en marcha das “cláusulas sociais” que teñen anunciado. Amosouse máis escéptico con relación a outras medidas anticorrupción como a regulación de grupos de presión ou á protección de denunciantes de prácticas corruptas, unhas medidas que “xa nin esperamos”.
Función Pública
O responsable socialista cifrou nun “un por cento” o cumprimento dos compromisos do goberno galego cos empregados públicos, logo de sinalar que teñen “conxeladas” as transferencias para servizos de formación e para a Escola de Formación Pública. Considera “difícil” que cumpran con este colectivo cando “non son capaces de resolver os concursos nin os procesos de formación nin de reverter os ataques aos empregados públicos” a raíz da Lei 1/12 de recortes aos empregados públicos.
Tamén criticou a escasa atención á administración xudicial, con mínimas partidas dirixidas ás novas oficinas xudicial e fiscal, e “nulas” as partidas para o Imelga, o Dereito Civil Especial ou a utilización do galego da administración, así como para as principais infraestruturas xudiciais pendentes en Galicia.
Presidencia
O portavoz socialista tamén interveu na comparecencia do secretario xeral de Presidencia, a quen lle sinalou o gasto “excesivo” en persoal eventual. Tamén reclamou o cumprimento da Lei da CRTVG, aprobada hai 7 anos, para “acabar coa manipulación política” dos informativos, e que ten provocado a proposta pública da plantilla a través dos denominados venres negros.
Esixiulle que cumpra coa Lei e nomee ao seu director xeral a partir dun acordo parlamentario, ademais de impulsar o Estatuto Profesional, o Consello de Informativos e o primeiro contrato – programa. Criticou que teñan sumido ao ente nunha situación “excepcional” co comité de Empresa asumindo as funcións contra a manipulación informativa competencia do Consello de Informativos.