A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, responsabilizou hoxe ao PP de ter malogrado o incremento previsto nos orzamentos para os servizos de protección telemático. No debate dunha pregunta oral en Comisión, explicou que o non do PP aos Orzamentos do PP supuxo rexeitar a suba do 41 por cento para os dispositivos de control telemático e dun 14 por cento para o 016.
Vilán valorou que a secretaria xeral de Igualdade admitira hoxe o impacto da perda destes incrementos, que redundaría no aumento das transferencias do Goberno de España a Galicia dentro dos servizos de protección contra o maltrato, dos que Galicia percibe anualmente 8 millóns de euros. A parlamentaria socialista trasladoulle ao goberno galego a súa preocupación polas eivas nestes servizos, derivadas directamente da falla de orzamento.
Así, explicou que os orzamentos establecían unha mellora para os dispositivos de control telemático, ou pulseiras electrónicas, que avisan cando o maltratador supera unha determinada barreira espacial coa vítima. A tecnoloxía utilizada actualmente resulta obsoleta e presenta un elevado índice de fallos técnicos e alertas falsas, o que fai moi difícil a atención da Unidade de Policía Autonómica.
No caso do 016 –en Galicia derivado a un número 900-, os problemas derivan das condicións de precariedade nas que se atopan as traballadoras que atenden ao servizo, con xornadas leoninas, horas extra sen abonar e desempregando un traballo de psicólogas baixo condicións de traballadoras de telemárketing.
Lembrou que Galicia ten 38 dos 1.183 dispositivos de control telemático dispostos en todo o Estado, e a maior parte deles atópanse na provincia de Pontevedra -21-, seguida de A Coruña -10-, Lugo -4- e Ourense -3-. Ademais, o 061 recibiu o ano pasado un total de 3.057 chamadas, a maior parte delas na Coruña -1.398-, seguida de Pontevedra -1.094-, Ourense -311- e Lugo -254-.
Nota discordante
Vilán animou á secretaria xeral de Igualdade a que continúe coa súa postura discordante coa dirección nacional do seu partido, logo de que se desmarcara da posición do PP favorable a derrogar a Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo. Neste sentido, reclamoulle que “poña a nota discordante en canto á linguaxe, para que deixen de definir aos maltratadores como señores que se portan mal coas mulleres”.