Entre as medidas que propón o Grupo Socialista no Parlamento galego inclúese tamén a aplicación efectiva do Real Decreto 893/2024, que recolle obrigas en materia de prevención de riscos: avaliacións presenciais dos fogares, recoñecementos médicos periódicos, descansos regulados e protocolos contra o acoso
A deputada socialista Silvia Longueira vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para mellorar a seguridade, a calidade e as condicións laborais no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), despois do asasinato dunha traballadora no Porriño e tras manter encontros tanto coas profesionais do sector como con distintos rexedores, como a alcaldesa de Betanzos, María Barral, á que visitou esta mesma mañá para tratar este asunto.
“O primeiro que fixemos foi escoitar: ás traballadoras, aos colexios profesionais, ás persoas que coñecen de primeira man o que pasa no día a día do SAF. O que nos trasladaron é moi claro: o sistema está ao límite, e as que o sosteñen cada día están traballando sen respaldo”, advertiu Longueira. O sucedido no Porriño, dixo, “non foi un feito illado, senón a consecuencia dunha falla grave e sostida de responsabilidade institucional”.
Desde o PSdeG lembran que a Lei de Servizos Sociais de Galicia, aprobada no ano 2008, obriga a elaborar un Plan Estratéxico cada seis anos, pero en 2025 Galicia segue sen ter sequera o primeiro. “Mentres a Xunta escapa das súas obrigas, os concellos fan malabares para manter o SAF en pé”, denunciou Longueira. “A nosa practicamente a única comunidade autónoma de España que non conta con este plan estratégico”, recordou.
A normativa tampouco axuda: segundo a Orde de 2009 que regula o servizo, só a Xunta pode autorizar modificacións ou suspensións da atención, mesmo ante situacións de risco. “Iso significa que unha traballadora pode detectar un perigo evidente, pero non pode deixar de ir ata que a administración llo diga. E iso, simplemente, non é asumible”, engadiu.
Por iso, o PSdeG rexistra agora unha batería de propostas para impulsar un cambio normativo urxente, que permita actuar ante calquera indicio de risco sen esperar autorizacións administrativas, así como a activación dunha mesa técnica de dependencia.
Creación dun observatorio
Entre as medidas rexistradas polo PSdeG inclúese tamén a aplicación efectiva do Real Decreto 893/2024, que recolle obrigas en materia de prevención de riscos: avaliacións presenciais dos fogares, recoñecementos médicos periódicos, descansos regulados e protocolos contra o acoso. “Non é só cuestión de seguridade física. É tamén psicolóxica, laboral e institucional. Non se pode coidar con medo”, afirmou sobre un traballo que, ademais “está feminizado e precarizado”.
A proposta socialista inclúe, ademais, a creación dun Observatorio do Sistema de Dependencia en Galicia, para recoller datos reais e tomar decisións con base. “Agora mesmo estamos gobernando ás cegas. E quen o paga son as persoas usuarias… e tamén as profesionais que coidan”, sinalou Longueira.
A alcaldesa de Betanzos, que é tamén vicepresidenta executiva da Fegamp, subliñou que os concellos levan anos demandando “estas e outras medidas respecto do servizo de axuda no fogar”. Por exemplo, no que se refire ao financiamento, xa que se trata dunha prestación “que está a afogar a todos os municipios galegos”. “Cada vez é máis demandado polos nosos maiores, e cada vez o custe é maior”, indicou.
A rexedora betanceira puxo o seu municipio como exemplo do que está a acontecer tamén en outras cabeceiras comarcais, “que non contan con ningún recurso público enfocado ás necesidades dos maiores”, unha situación fronte á que, “corporación tras corporación”, se veñen formulando demandas que non teñen resposta. “Son carencias inasumibles”, asegurou.
María Barral destacou que a semana pasada, a raíz do asasinato da traballadora do SAF, na executiva extraordinaria da Fegamp acordouse por unanimidade crear a antedita mesa de traballo, “na que se escoite ás traballadoras e traballadores, ás empresas vinculadas ao servizo e aos concellos, pero na que tamén debe estar o Goberno central e, sobre todo, debe liderar a Xunta de Galicia”. A esta última reclamoulle, ademais, que colabore nos concellos na elaboración do protocolo que sirva para atallar sucesos coma o do Porriño. Neste momento, “a Xunta non permite, baixo ningún concepto, deixar de prestar o servizo no domicilio, pese a que as traballadoras vexan peligrar a súa integridade”, lamentou.