

Besteiro preguntaralle a Rueda pola falla de políticas para apoiar a quen máis o necesita e unha xestión que deixa á marxe ás persoas ou colectivos con máis dificultades
Elena Espinosa advirte que a rectificación de Sanidade “chega tarde e mal” e levará iniciativas ao próximo Pleno para comprobar “ata que punto é verdade”
A viceportavoz do Grupo Socialista, Elena Espinosa, dixo hoxe que o Grupo Socialista reclamará a próxima semana a devolución dos Orzamentos da Xunta para 2026, que “non son os que Galicia necesita”. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día das dúas sesións plenarias da próxima semana, que comezará o luns co debate das emendas de totalidade aos Orzamentos da Xunta.
A responsable socialista lembrou que o propio portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou esta fin de semana a emenda de devolución aos Orzamentos da Xunta para reclamar unhas novas contas que “poñan os problemas reais dos galegos e das galegas no centro da acción política”.
Diante dunhas contas “sen alma nin ambición”, os socialistas galegos presentaron unha emenda transversal para mobilizar 1.000 millóns de euros adicionais procedentes da condonación da débeda e do cambio na política fiscal do PP, pensada para “beneficiar a moi poucos”. Con estes fondos propoñen mudar por completo a política de vivenda, sanidade ou a política social, así como impulsar o desenvolvemento do rural vencellado á recuperación das zonas arrasadas polo lume.
O PP abandona a quen máis o necesita
O martes comezará o Pleno ordinario no que o portavoz do Grupo Socialista e líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, centrará a sesión de control ao presidente na falla de políticas de apoio a quen máis o necesita e as decisións de goberno que “deixan á marxe ás persoas ou colectivos con dificultades.
Os socialistas galegos presentarán ademais unha serie de iniciativas parlamentarias centradas nos principais problemas dos galegos e das galegas, comezando pola situación límite da sanidade, como vén de recoñecer o propio conselleiro de sanidade anunciando unha rectificación na forma de contabilizar as listas de espera. Espinosa presentará unha interpelación para comprobar “ata onde chega esta pretendida rectificación na xestión da sanidade que chega tarde e mal”.
A tamén portavoz de Sanidade explicou que os socialistas galegos levan “anos” denunciando o funcionamento perverso do buzón de pacientes no que o Sergas metía aos galegos e galegas pendentes de cita para quitalos das estatísticas dunhas listas de espera inasumibles, como vén de confirmar a proia Valedora do Pobo. Sinalou que o Grupo Socialista vai ser “portavoz do que demandan os galegos e galegas usuarios da sanidade pública”.
Tamén presentará unha pregunta oral diante da proposta de cambio de modelo de Atención Primaria e da xestión do persoal, que os propios afectados cualifican de “simulación de negociación” que en realidade non existe por parte dun conselleiro que está a vulnerar “liñas vermellas que nunca se deben de traspasar por un representante público”.
Política Social
O Grupo socialista defenderá unha proposición non de Lei diante da “grave crise” que afecta á Política Social pola xestión do PP que ten “ao sistema colapsado, o persoal esgotado, centros ateigados e esperas cronificadas na Dependencia” e residencias de maiores pechadas polas condicións “inasumibles” dos usuarios.
Ademais, levarán unha proposición non de Lei para reclamarlle ao goberno galego que intensifique e amplíe as liñas de actuación fronte á violencia de xénero seguindo a liña marcada polo Pacto de Estado renovado o pasado 26 de febreiro. Espinosa advertiu que “sería alarmante e preocupante que o PP non estivera de acordo” con esta proposta.
Finalmente, presentarán unha moción para reclamarlle ao PP e ao goberno galego que defendan concederlle ao galego o estatus de oficialidade na UE do que desfrutan linguas con moitos menos falantes como o gaélico irlandés ou o maltés. Rematarán cunha pregunta oral para esixirlle ao goberno galego que pare co desmantelamento da Policía Autonómica e que desbloquee o convenio co Estado para ampliar os reforzos efectivos neste corpo de seguridade.