

Silvia Longueira reivindica que a poboación do concello “precisa de atención diaria”, nunha intervención que seguiu dende o Hemiciclo o portavoz socialista en Frades, Enrique Astray
A parlamentaria socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe ao conselleiro de Sanidade que garanta a presenza dun médico tódolos días no Centro de Saúde de Ponte Carreira -Frades-. Longueira presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para levar esta demanda da veciñanza do Concello, que o pasado 25 de outubro protagonizou unha concentración masiva diante do Centro de Saúde na que participou o alcalde, do PP.
A responsable socialista, que interveu nunha sesión que seguiu dende o Hemiciclo o portavoz socialista en Frades, Enrique Astray, relatou a situación do Centro de Saúde, que leva meses sufrindo unha “atención sanitaria intermitente”. Dende o falecemento do médico titular foi asignada unha médica militar que ten a obriga de ausentarse cando é requirida, polo que o centro de saúde queda ao albur da cobertura por parte “doutro médico que non se sabe” cando vai poder acudir.
A consecuencia é que o Concello de Frades, cunha poboación de máis de 2.000 persoas cun índice de envellecemento importante “non atopa médico durante varios días á semana” e ten que desprazarse ao PAC de Ordes, que está a 20 minutos en coche, malia que se trata de pacientes “con enfermidades crónicas e patoloxías serias”.
Longueira desmentiu ao conselleiro de Sanidade e advertiu que “non é verdade que haxa asistencia sanitaria tódolos días en Frades” e reivindicou “seguridade médica” para os veciños e veciñas da localidade.