“Con unha ultradereita que avanza imparable e que pretende reescribir a historia, a mellor ferramenta é a memoria. Lembrar o pasado é construír un mañá máis libre e xusto”, sinalou a deputada socialista Paloma Castro.
A portavoz socialista Paloma Castro reclamou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta se comprometa a colaborar de maneira activa nos procedementos abertos polo Goberno de España para declarar o Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria, ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.
A deputada do PSdeG lembrou que o Executivo galego ten a obriga legal de emitir un informe sobre a idoneidade destes espazos, en especial no caso da Illa de San Simón, onde se cometeron crimes de lesa humanidade e se contabilizaron máis de 517 falecementos, ademais doutros provocados por “paseos” e fusilamentos.
Castro lamentou “a desidia e pasividade” da Xunta en materia de memoria democrática, advertindo de que xa non pode seguir mantendo esa actitude: “Queremos saber se o Goberno galego está disposto a que nunca máis estes lugares sexan profanados. Trátase de espazos de dor e de resistencia democrática que deben ser preservados co máximo respecto ás vítimas e ás súas familias.”
A parlamentaria subliñou que o recoñecemento destes lugares implica a prohibición de realizar actos públicos que supoñan descrédito, menosprezo ou humillación das vítimas ou exalten o fascismo. Así mesmo, obriga as administracións a garantir que calquera intervención ou uso futuro se desenvolva con respecto á dignidade das vítimas e ao espírito de reparación, ademais de poñer en marcha medidas de difusión con finalidade conmemorativa, didáctica e reparadora.
“Pregúntolle: De que lado van estar vostedes, Sr. conselleiro, do de utilizar estes espazos para bailar bachata, emborracharse ou xogar aos mortos viventes ou do lado do respecto a un lugar onde se fixo realidade o medo, a humillación e a violencia contra quen se atreveu a opoñerse aos golpistas e ao réxime?”
A portavoz socialista destacou tamén que a recuperación do Pazo de Meirás como patrimonio público en 2020 foi unha vitoria da xustiza e da sociedade civil fronte á impunidade do franquismo, lembrando que tanto Meirás como San Simón cumpren “sobradamente” os requisitos legais para seren declarados Lugares de Memoria.
“A declaración destes lugares como Lugares de Memoria é ante todo, un acto de xustiza. Un acto de xustiza coas vítimas que sufriron represión, torturas e morte, coas súas familias, coa historia e con Galicia, porque supón seguir dando pasos no camiño da verdade, da reparación e da dignidade democrática.”
Para Castro, resulta fundamental que Galicia estea á altura do compromiso que xa demostra o Goberno de España:
“O Goberno de España está a cumprir o seu compromiso, agora temos que ver que papel vai xogar o Goberno galego. Ata o de agora a súa actitude foi de desidia, de pasividade, pero xa non pode seguir manténdoa porque ten que por lei informar sobre esta idoneidade.”
A deputada socialista concluíu advertindo que a memoria histórica é hoxe máis necesaria que nunca: “Con unha ultradereita que avanza imparable e que pretende reescribir a historia, a mellor ferramenta é a memoria. Lembrar o pasado é construír un mañá máis libre e xusto.”