
O deputada Silvia Longueira apunta á vulneración da intimidade e pacientes en corredores no hospital da Coruña
Advirte de dietas sen supervisión profesional e riscos no servizo de comidas
Para Longueira, o que está pasando no CHUAC “non responde a un problema puntual nin a unha situación inevitable das obras: responde á falta de dirección da Xunta”
A deputada socialista Silvia Longueira advertiu hoxe de que a situación do CHUAC “chegou ao límite” e responsabilizou á Xunta da “desorganización e falta absoluta de planificación” tanto nas obras como no funcionamento diario do hospital.
Longueira denunciou que en unidades como a planta cuarta se está hospitalizando a doentes en corredores abertos, sen tomas de osíxeno, sen vixilancia continua e expostos ás conversacións clínicas e ás curas en plena área de tránsito.
Na UCI da quinta planta a falta de espazo obriga a sacar as camas ao corredor para realizar ingresos, en cuartos sen ventás, dificultando a protección da intimidade e o manexo de pacientes críticos.
Desde 2021 non se cobren as prazas de dietista
No ámbito da alimentación, o PSdeG alerta de deficiencias “moi graves”: desde 2021 non se cobren as prazas de técnico superior en dietética, o que deixa sen supervisión profesional o 75% das dietas servidas e atribúe funcións sensibles a persoal non cualificado, que mesmo accede a historias clínicas e modifica pedidos sen autorización. Rexístranse tamén incumprimentos na separación de carros de alérxicos e outras incidencias vinculadas ás obras.
A socialista subliñan que a reforma do CHUAC, que a Xunta pretende estender até 2031, segue sen plan de provisionalidade coñecido polo persoal: non houbo reunións, nin documentación, nin instrucións sobre como afectarán as fases da obra ao traballo asistencial.
As iniciativas presentadas reclaman un informe ao Parlamento sobre o servizo de comidas; a creación e cobertura inmediata das prazas de técnico superior en dietética; un procedemento claro de información ao persoal; e a redistribución dos ingresos para garantir a seguridade e a intimidade dos pacientes.
Para Longueira, “o que está pasando no CHUAC non responde a un problema puntual nin a unha situación inevitable das obras: responde á falta de dirección da Xunta”. A deputada sostén que o Goberno galego “ten a obriga de actuar de inmediato se quere recuperar un mínimo de confianza nun hospital que é referente para milleiros de persoas”.