
A deputada socialista Patricia Iglesias censurou o “clientelismo de amiguetes” que practica o Goberno de Rueda para favorecer os intereses do seu partido
A deputada socialista Patricia Iglesias advertiu hoxe do “clientelismo de amiguetes” que practica o Partido Popular desde a Xunta, mediante “o uso sistemático de convenios de concesión directa de axudas públicas, sen criterios obxectivos de reparto”. Para a parlamentaria do PSdeG, ese xeito de actuar responde a “unha estratexia de caciquismo” que supón un grave problema para a calidade democrática en Galicia.
Nunha intervención en comisión parlamentaria, Iglesias puxo sobre a mesa os datos que recolle o último informe anual do Consello de Contas, segundo o que as subvencións resoltas mediante concesión directa “representan o 52 % do gasto en transferencias da Xunta”. “Ese dato revela por si só a magnitude do fenómeno”, remarcou. Alertou tamén de que a contratación sen concorrencia, ou con concorrencia limitada, acada o 20,11 % do total, “mentres que os contratos menores supoñen 81,2 millóns de euros só nesa figura”. Así, cualificou de “inadmisible” que o PP actúe coma se a Administración autonómica fose da súa pertenza, “nun fenómeno de simbiose que pode confundir aos populares”.
Patricia Iglesias advertiu de que cando se saltan criterios obxectivos de reparto de fondos públicos, “perdese a igualdade de oportunidades entre concellos e entidades”. Censurou que as axudas se usen “como instrumento para obter réditos electorais”, conectando “mocións de censura e mercadeo político”.
A deputada afirmou que “hai unha ofensiva do PP para gañar gobernos municipais pactando con edís tránsfugas”, e unha vez que se materializan os cambios de alcaldía en favor de candidatos populares, “de repente, desbloquéanse por parte do Goberno galego infraestruturas prioritarias para os concellos que antes estaban paralizadas”.
Nesa estratexia situou tamén o uso partidista de organismos públicos coma a Axencia de Turismo de Galicia, desde onde se reparten cartos entre entidades de Lugo para favorecer os intereses da presidenta provincial do partido. Outro exemplo que citou foi o uso que fai Augas de Galicia da recadación do canon da auga: dedica tres cuartas partes deses fondos a actuacións en concellos que goberna o PP.