

Patricia Otero denunciou que o PP “crea bulos para tapar a súa nefasta xestión no transporte en Galicia, no que hai falta de prazas, cancelación de servizos e viaxeiros tirados”
A deputada lembrou que a Lei de Mobilidade Sostible, que hoxe se debateu no Senado, avala que o Estado conserve as paradas a cuxo traspaso renuncien as comunidades
A deputada socialista Patricia Otero, secretaria de Transportes e Mobilidade Sustentable do PSdeG, explicou esta mañá que o Goberno central “é o que está a garantir a continuidade de todas as paradas de bus” das rutas estatais en Galicia, que a Xunta se negou a asumir pese a que o Estado lle ofreceu, xunto coa transferencia, o orzamento necesario para mantelas. Otero recordou que o proxecto de Lei de Mobilidade Sostible contempla esa situación tal e como se aprobou no Congreso o mes pasado, sen que o PP presentase emenda ningunha.
A lei debateuse hoxe no Senado, nunha sesión na que os populares si introduciron emendas “nas que apoiar as súas mentiras” sobre a norma impulsada polo Executivo. “O Partido Popular crea bulos para ocultar a súa nefasta xestión do transporte en Galicia, con falta de prazas nos buses, cancelación de servizos, viaxeiros e viaxeiras tirados nas paradas, incumprimento de horarios, estacións pechadas… Por non falar da alarmante situación do transporte escolar, que provoca feitos tan lamentables como que nenos e nenas perdan horas lectivas”, criticou Otero.
A parlamentaria socialista destacou que, pese ás “mentiras e manipulacións”, non se vai eliminar ningunha parada. Explicou que o goberno “ofreceu transferir á Xunta a competencia sobre paradas estatais xunto cos fondos necesarios para mantelas, pero a resposta de Rueda foi o silencio”, co único fin de “insistir na estratexia de confrontación que lle marcan desde Génova”. Por ese motivo, tal e como establece e garante a lei, “eses servizos que a comunidade autónoma se nega a asumir seguirá manténdoos o Estado”, salientou.
Patricia Otero lembrou que durante o trámite parlamentario da norma na Cámara Baixa, os deputados do Partido Popular, “incluídos os galegos, non se preocuparon de propoñer ningún cambio” porque “o obxectivo non era obter garantías sobre a continuidade das paradas”. “Xa sabían que esas garantías estaban recollidas no texto: o obxectivo era converter nun circo o debate no Senado e tratar de sementar dúbidas para o mesmo de sempre, conseguir algún rédito electoral”, denunciou.