
A deputada Silvia Longueira advirte de que a delegación de competencias aos concellos sen medios e o silencio administrativo positivo deixan miles de bens culturais “á intemperie administrativa”
A socialista sinala que a reforma permite eliminar contornos de protección, alterar espazos históricos e abrir excepcións que comprometen os Camiños de Santiago
A deputada socialista Silvia Longueira denuncia que o Partido Popular pretende “desarmar por completo” o sistema galego de protección do patrimonio cultural mediante a Lei de Acompañamento, convertida unha vez máis nun “cabalo de Troia lexislativo” para modificar normas de fondo sen debate nin control parlamentario.
Longueira advertiu de que a Xunta quere entregar aos concellos a valoración e decisión final sobre intervencións en bens catalogados “sen persoal técnico, sen recursos e sen capacidade profesional para asumir esa responsabilidade”, o que supón “unha delegación encuberta que degrada a protección e deixa o patrimonio nunha situación de vulnerabilidade extrema”.
A deputada subliñou que a modificación máis perigosa é a introdución do silencio administrativo positivo: se o concello non responde en tres meses, poderíase intervir, alterar ou mesmo retirar un ben catalogado. “É inaceptable. A inacción administrativa non pode equivaler a autorización automática. Isto abre unha vía libre para danos irreversibles”, afirmou.
A reforma tamén permite eliminar contornos de protección, flexibilizar actuacións en espazos sensibles e introducir excepcións que afectan directamente aos Camiños de Santiago, poñendo en risco a súa integridade e o recoñecemento internacional.
Longueira lembrou que o propio caso de Altri exemplifica o perigo de entregar estas decisións exclusivamente aos concellos: “coa normativa vixente impediuse actuar sobre zonas de amortecemento; co modelo do PP sería o concello quen tería que asumir só esa responsabilidade, sen medios nin garantías”.
Segundo explicou, a reforma “só mantén protexidos os BIC”, deixando fóra milleiros de bens que quedarían expostos á especulación urbanística, ao impacto forestal e á presión turística: “A Xunta está convertendo o patrimonio cultural nun obstáculo administrativo e non nun valor colectivo que hai que preservar”, dixo.
Por iso, o Grupo Parlamentario Socialista reclamará a retirada das modificacións e a apertura dun debate real, con expertos e entidades culturais, para garantir un modelo de protección sólido, rigoroso e acorde co mandato constitucional de conservar e promover o patrimonio común.