

Patricia Iglesias criticou o “dumping fiscal” que fai o PP mentres se nega a aceptar a condonación da débeda, “favorecendo así aos que máis teñen a costa da maioría”
A deputada socialista recordou que “un 8 % acumulan o 76 % do patrimonio mentres o Partido Popular lles perdoa o imposto”
A portavoz socialista de Economía no Parlamento de Galicia, Patricia Iglesias, reprochoulle hoxe ao Goberno galego o “dumping fiscal” no que está a insistir cos Presupostos para o vindeiro ano mentres se posiciona en contra da quita da débeda que ofrece o Estado. Son, lembrou, máis de 4.000 millóns de euros que representan un terzo do que debe a Administración autonómica e que están a lastrar unhas contas públicas que xa destinan a pagar aos bancos “máis que o que se incrementa o gasto social nos Orzamentos de 2026”.
Na defensa dunha iniciativa a través da que reclamou a eliminación dos beneficios ás grandes fortunas e a aceptación da quita da débeda, a deputada do PSdeG denunciou o obxectivo das rebaixas fiscais de Rueda. “Cando se analiza polo miúdo quen gaña con iso, temos que o 8 % máis rico acumula o 76 % do patrimonio total, e o PP segue bonificando o imposto de patrimonio”, reprochoulle. Así, a aparente “incoherencia” de opoñerse ao perdón de parte da débeda e ao mesmo tempo renunciar a ingresar preto de 800 millóns de euros en impostos, non é máis que “o paraíso dos ricos”. “Se non é así, explíquenme por que se mantén a bonificación do 50 % no imposto de patrimonio, que só afecta a quen ten máis dun millón de euros netos?”, preguntou.
Iglesias alertou das “consecuencias serias” desas rebaixas: “Menos ingresos, menos investimento e máis desigualdade social”. Nese senso, apuntou que “exercer o autogoberno fiscal responsable” que defenden os socialistas implica dispoñer de máis recursos “para reforzar o Estado de benestar”. Citou como exemplos de medidas que se poderían levar a cabo “contratar máis profesorado de apoio”, abrir novas residencias públicas e centros de día “nas comarcas máis avellentadas”, reforzar a atención primaria “en toda a rede do Sergas” ou financiar mellor un sistema de dependencia que se atopa “en emerxencia”, con 349 días de espera para obter a primeira resolución, e custear o SAF dun xeito “que non asfixie aos concellos”.
A parlamentaria socialista recordou tamén que a propia Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) advertiu dos perigos dese dumping fiscal. Sinalou, en concreto, que Galicia pode incumprir a senda de estabilidade, “non polo gasto, senón polo lado dos ingresos, é dicir, por recadar menos do que debería e perdoar impostos aos que máis teñen”.
Patricia Iglesias defendeu “o que é xusto”: a quita dunha débeda que se multiplicou por tres cos gobernos do PP, ata superar os 12.000 millóns de euros; un sistema fiscal “progresivo en termos de xustiza social” e un “respecto institucional que devolva a Galicia ao lugar que merece”. Sobre isto último, criticou a política de continuo enfrontamento da Xunta co Estado: “Plantón no Consello de Política Fiscal, plantón no reparto solidario dos menores migrantes, plantón no Cumio do Clima, plantón no Comité de Emerxencia… E néganse a facilitar ao Ministerio de Sanidade os datos dos cribados so cancro de mama”. Censurou, ao mesmo tempo, o “uso partidista” do Parlamento de Galicia “como unha delegación de Génova”, xa que a maioría das iniciativas que aprobou o PP na Cámara autónoma “están dirixidas ao Goberno de España e non á Xunta”.